Crise do coronavirus

En catro anos de covid: 4.211 mortos e 700.000 infectados

Imaxe de xente con máscaras na Ponte Romana en Ourense, após o confinamento.
photo_camera Imaxe de xente con máscaras na Ponte Romana en Ourense, após o confinamento.
Comesaña di que o Sergas está “máis engrasado” e destaca melloras na vacinación e no diagnóstico

O pasado luns, 4 de marzo, cumpríronse catro anos desde a confirmación do primeiro positivo de covid-19 en Galicia: un home chegado desde Madrid para unha entrevista de traballo en Inditex que estivo varios días illado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Ao día seguinte confirmábase o segundo caso nunha muller no Álvaro Cunqueiro de Vigo. Dez días máis tarde empezaba o confinamento.

Desde aquela, as cifras de contaxiados polo SARS-CoV-2 non deixaron de subir e tampouco o fan agora, até contabilizarse de maneira oficial 723.915 casos desde o inicio da pandemia e até este venres, 8 de marzo.

Isto supón que, polo menos, un de cada catro galegos atravesaron a enfermidade. Pero seguramente estas cifras sexan superiores, tendo en conta que co tempo se xeneralizaron os test domésticos e non todas as infeccións chegan a coñecemento do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Tampouco debe esquecerse a listaxe de 4.211 persoas que faleceron en Galicia ben diagnosticadas de covid ou ben directamente pola enfermidade. A primeira vítima confirmábase o sábado 14 de marzo de 2020: unha muller de 92 anos que estaba ingresada no Hospital Povisa, en Vigo.

Á fronte daquela Área Sanitaria estaba entón Julio García Comesaña, agora conselleiro de Sanidade en funcións, cando en setembro de 2020 substituíu a Jesús Vázquez Almuiña. Á hora de facer valoracións cando se cumpren catro anos da pandemia, García Comesaña lémbraa como un episodio “impactante” e “moi importante” no que a poboación “empezou a pensar” que algo así podía ocorrer.

A Galicia o SARS-CoV-2 chegou un pouco despois que a Madrid ou Barcelona, o que permitiu ao Sergas “anticiparse”. Neste sentido, o conselleiro en funcións asegura que esta crise “foi unha constatación” de que o sistema sanitario, aínda que ten marxe “de mellora”, era “moi forte”.

“Afortunadamente, o número das persoas que pasaron a enfermidade grave foi menor e os que faleceron, sendo unha mágoa, pois tamén foi un número máis pequeno do que podiamos pensar no seu momento”, recoñece García Comesaña, que eleva o seu agradecemento a todos os sectores sociais e económicos.

Iso si, o titular sanitario da Xunta non se atreve a pór unha nota da súa xestión e, aínda que non dá unha cifra, si lle poría “unha das máis altas” cualificacións á sanidade galega.

Normalidade

Aprendemos a convivir co virus? A día de hoxe, hai 125 casos activos de covid, dos cales 33 están hospitalizados, tres deles na UCI. Son cifras moi escasas en comparación aos momentos máis crus da pandemia pero que, “probablemente, serán unha normalidade por moitos anos”, advirte o conselleiro.

Pero esta experiencia impactou nos sistemas sanitarios de maneira que agora estes están “máis engrasados” ante unha alerta similar. Ademais, supuxo un avance nos métodos diagnósticos, tamén da gripe.

Leccións aprendidas e algunhas contas pendentes

Outro dos episodios que marcaron a pandemia foi a compra de material sanitario por procedementos de emerxencia, é dicir, a través de adxudicacións sen publicidade. Este asunto volveu, catro anos máis tarde, á actualidade a raíz do coñecido como caso Koldo que saltou no Goberno central e que salpicou a outras autonomías.

O conselleiro de Sanidade, na liña do presidente en funcións, Alfonso Rueda, defendeu a “transparencia” dos contratos en Galicia e remitiuse á fiscalización do Consello de Contas no seu informe publicado o pasado xullo: “Di claramente que non hai ningún reparo na legalidade”.

“Na contratación do Goberno de España, a Fiscalía e Audiencia Nacional detectaron indicios de branqueo de capitais, suborno e tráfico de influencias”, contrapón García Comesaña, que acusa ao BNG de “facer unha papeleta” ao solicitar unha auditoría para o Sergas.

“Hai tantos indicios de irregularidades nos contratos de emerxencia feitos pola Xunta como nos de gobernos do BNG e do PSOE en concellos e deputacións, é dicir, ningún”, resolve o conselleiro.

Concienciación

“Agora todo o mundo sabe o que é unha PCR e facemos moitas máis. Antes, os pacientes ingresaban por gripe sen un diagnóstico microbiolóxico. Hoxe iso é impensable, os pacientes entran pola porta de urxencias e facémoslles todo tipo de probas”, explica García Comesaña para referirse aos cambios que a pandemia veu introducir no servizo. Tamén conceptos como “onda” e “pico de contaxios” importáronse á gripe, igual que non resulta tan estraño ver persoas con máscara pola rúa ou facerse un test caseiro antes dunha cea de Nadal. A conciencia fronte á vacinación é outra herdanza da covid. Neste sentido, Comesaña desliza que a inmunización contra a covid manterase en paralelo á da gripe en próximas campañas, mesmo cunha “única vacina” que servirá para ambos os virus e para a que xa hai proxectos en marcha.

Te puede interesar