Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior: "A Festa da Ostra é un dos maiores praceres da natureza e da gastronomía"

Manu Lourenzo visitou Atlántico para falar sobre o municipio.
photo_camera Manu Lourenzo visitou Atlántico para falar sobre o municipio.
"Esperamos máis de 30.000 persoas e 100.000 unidades de ostras", sinala o alcalde de Soutomaior sobre a popular festa

O alcalde Manuel Lourenzo (Soutomaior,1979) asumiu o bastión de mando do Concello de Soutomaior nas últimas eleccións municipais en 2023, rachando 28 anos de goberno continuado do PP a mans de Agustín Reguera. Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Compostela, foi concelleiro do BNG no seu municipio natal dende 2013. Foi elixido deputado do Parlamento Galego nas eleccións autonómicas en 2020. 

 

 

A poucas horas de comezar a 36 edición da Festa da Ostra en Soutomaior. Vaise atrever o alcalde a degustar ese manxar?

A probalas e de maneira compulsiva. A verdade e que é unha delicia, é o sabor a mar por excelencia. Lonxe de ser un risco, é un dos maiores praceres por excelencia que nos da a natureza e a gastronomía. Probareinas, por suposto. Ademais, este ano ten unha programación que vale a pena. Xa é referencia, conta cun interese turístico importante e tamén é a festa que abre a tempada. Estamos a falar de máis de 30.000 persoas, 100.000 unidades de ostras e unha cita que está a ser xa referencia na cultura e na gastronomía. 

 

No panorama político. Despois de 28 anos do Partido Popular, o BNG logrou a alcaldía. ¿Cales foron os primeiros movementos?

Sabíamos que existía un impulso social e que a veciñanza quería unha política de cambio. Hai que ter as cousas claras, un proxecto sólido e o que fixemos é activar os prolegómenos para que todos os obxectivos sexan unha realidade. Primeiro, todo o traballo que ten que ver coa ordenación interna, con melloras do persoal laboral e contratación para cumprir os compromisos que estamos tratando. Logo, empezar cunha redacción de proxectos de forma masiva que permita que dentro de uns poucos meses empecen xa coa licitación para a formación de espazos urbanos. O nosos proxectos teñen un eixo social, temos que activar esa parte, pero tamén existen actividades culturais e deportivas de máis variedade. Sempre baixo un modelo de Concello aberto. Soutomaior merece un novo modelo urbano, estamos a traballar nel e queremos que ese modelo sexa a prol da mobilidade, que axude a xente e que converta a transformación de Soutomaior nunha referencia como tantos outros modelos do BNG. 

 

Cal considera máis importante. Industria ou turismo?

Non son incompatibles, deben ser complementarios. Soutomaior é unha xoia, temos presenza na ría de Vigo, somos Rede Natura, estamos na área de San Simón, somos o vértice de dous ríos como Verdugo e Oitavén… Pero ademais temos unha localización estratéxica que se presta a varias actuacións. Algo novo e que aínda non se anunciou e que vamos presentar a creación dun ecoparque empresarial, con cabida para que industrias con modelos sostibles e de impacto razoable no medio ambiente poidan situarse no noso concello cunha estrutura urbana moi integrada na paisaxe. 

 

Realizouse a integración entre Protección Civil de Soutomaior e o grupo Oitavén? 

Estamos xa integrados. De feito, nesta Festa da Ostra vai participar e será unha fusión de seis concellos. Lonxe do ruído e das críticas que xerou, logo parou, e non houbo polémica. Simplemente apostamos por un novo modelo de Protección Civil, valorando actuacións pouco razoables por parte da xestión que se viña facendo do anterior goberno. Miramos o futuro, queremos mellorar o servizo de emerxencia de Soutomaior e así está sendo.

 

A localización da Casa Consistorial, agora situada en Soutomaior. Pode cambiar de localización tendo en conta a expansión de Arcade?

Nunca. Somos un concello con dúas parroquias, cun potencial do mar como é Arcade e un potencial histórico como é Soutomaior. Creemos que é moi importante non caer nos localismos que están xa superados, e se faga unha aposta de cara a integración. Queremos que se vertebre, se comunique e exista máis diálogo e comunicación. Este proxecto está as antípodas da confrontación. 

 

Cal é a próxima actuación que Manu Lourenzo considera capital para o municipio?

E difícil, haberá moitas. Teño unha fe do potencial do Concello e con iso me refiro o seu desenvolvemento urbano. Na posta en valor de todo o que ter que ver co medio ambiente e o coidado da Ría. E non pode entenderse isto de un modo illado, ten que ser unha actuación completa.

Te puede interesar