Ledicia Costas: “Celebramos a sorte de compartir o tempo co Hematocrítico”
“Co festival queremos involucrar o tecido económico e social. Imos copar a cidade”, sinala a escritora e promotora de “Hematofesti”
A escritora Ledicia Costas visitou o set de Atlántico TV para falar do “Hematofesti”, un evento que encherá a cidade durante cinco días de literatura, humor e música en homenaxe a Miguel Ángel López González (1976/2023), coñecido por O Hematocrítico que faleceu repentinamente hai un ano en Navia. A súa parella convida a lembrar a quen foi un gran comunicador en redes sociais, escritor, mestre e humorista cunha gran celebración que comezará o vindeiro mércores e prologarase ata o domingo.
Como xurde a idea dun evento tan ambicioso ao tempo que sentido.
Naceu porque en outubro do ano pasado, o ilustrador Alberto Vázquez, Miguel e eu viaxamos a Italia a un festival de literatura infantil e daquela Alberto animounos a facer algo semellante en Galicia, aproveitando os nosos contactos e tantos anos neste ámbito. Volvemos a casa coa intención de empezar a organizalo. A finais de novembro pasa o que pasa (falece O Hemato) e tras superar eses momentos de shock, Alberto e eu decidimos seguir, pero dándolle unha volta, ao redor da figura de Miguel e dos que foron os piares da súa vida: a literatura, o humor e a música.
E como é ese momento en que piden colaboracións e lles desbordan as ofertas?
Eso foi tremendo, o mesmo que cando se organiza unha festa en petit comité na casa e de súpeto empeza a chegar xente e a chamar para apuntarse. Ao saberen que era sobre Miguel, dicían “déixoo todo e vou”. O xoves 7 temos a Hematogala no Auditorio Mar de Vigo cun cartelezo de luxo: Amaral, Nacho Vigalongo, Lucía Aldao, Noel Ceballos, Carolina Iglesias, Laura Márquez, Joel Crepúsculo e La Ruina. É un soño xuntar a estas persoas.
Unha das características deste festival é a implicación de distintos espazos repartidos por toda a cidade.
Queríamos involucrar ao tecido comercial e social. Amais da gala, haberá concertos no auditorio municipal coa apertura a cargo de Trilitrate ou a apertura do Gaming Nintendo o mércores. O venres adícase toda a tarde ao humor no teatro Salesianos e o sábado céntrase na sede da Deputación. Imos ter obradoiros de ilustración no Marco e en librarías como Libros para Soñar, Cartabón ou Nóbel. Temos a cidade copada.
E tamén é un festival con premios.
Entregaremos dous. Un de honra a Manuel Bragado, quen foi o primeiro editor do Hemato en Galicia. Debémoslle moito e este premio é un xeito de amosar a nosa gratitude por esas décadas entregadas á edición en Galicia. Bragado trouxo obras clásicas da literatura infantil e xuvenil ao galego. Promoveu a colección “Fóra de xogo” con esa mirada atenda e respectuosa cos libros infantís. O segundo premio é ao mellor álbum ilustrado, “Humor con h”. O xurado xa está deliberando entre os máis de cen traballos presentados. O traballo gañador farase público no marco do festival.
O humor é o primeiro que ven a cabeza ao pensar no Hemato, polo que aínda que estrano resulta lóxico que teña un cabodano feliz.
É un xeito moi raro de conmemoralo. O normal é que un cabodano non se celebre, é un espazo para a dor, a tristura, as bágoas. Nós imos facer unha celebración pola sorte que tivemos de compartir tempo cunha persoa como O Hemato.
E xorde con intención de continuidade?
Continuará. Temos o compromiso das empresas e das administracións colaboradoras sen as que nada disto sería posible. Temos patrocinios pensados para a seguinte edición e parte da programación que non entrou este ano pospúxose para a vindeira. Foi imposible incluílo todo porque se organizou en tempo récord. Pero queremos facer de Galicia un foco do humor e da literatura infantil.
Coincidindo co festival publícase “Barbavoa”, do Hematocrítico, cunha tradución da propia Ledicia.
Ordica xa sacara “Barbabuela” e agora fai a primeira publicación da editorial en galego con “Barbavoa”. Non acostumo facer traducións, pero faime moi feliz ser partícipe deste libro. É unha historia divertidísima, sobre unha avoa que visita ao neto, que é un pirata. Lino en varios contacontos é ten moi boas sensacións, sempre hai gargalladas.
E para pechar o círculo, a súa última novela, “Pel de cordeiro”, adicado a H, estrea o formato de audiolibros en Xerais.
É un formato moi especial. Eu conduzo moitas horas e gústame sentirme acompañada. Son usuaria deste formato tamén nas noites de insomnio. É un xeito de revitalizar de novo esta novela. O audio quedou magnífico. Fun cun equipo de Xerais á primeira sesión en Estudo 21 e saímos emocionados. Colleron á primeira o ton que eu tiña da cabeza para Catarina e para Lola.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Atletismo maratón
Récord de Galicia sufrido en Valencia para Ester Navarrete
Natación | campeonato de Europa
Un séptimo al final