Escritor e músico. Ofrece o seu primeiro concerto o día 28

Francisco Castro: "Serei editor ata que morra, é a miña profesión, ao igual que a de músico ou a de escritor"

Francisco Castro, na súa visita ao set de Atlántico TV.
photo_camera Francisco Castro, na súa visita ao set de Atlántico TV.
Con disco novo e concerto o día 28, visitou o set de Atlántico TV para falar dos seus novos proxectos

O escritor e o editor Francisco Castro (Vigo, 1966) estréase como compositor e músico. Con disco novo e concerto o día 28, visitou o set de Atlántico TV para falar dos seus novos proxectos tras deixar a dirección de Galaxia despois de sete anos ao fronte da editorial.

 

 

Debuta no mundo da música con “Agora é o tempo”.  Chegou o momento de reinventarse?

Nunca é tarde  e neste caso máis que unha reinvención é a culminación dun proceso no que levo máis de 50 anos. Sempre digo que a literatura era o meu plan B , o plan A era a música, pero no seu momento se me deu mellor o B. Despois de tanto tempo na edición, adicado á literatura e ao mundo do libro no que sempre estarei. Entendín que era o momento de dar un paso adiante se quería tocar e xirar cun grupo. Na véspera do concerto cumpro 57 anos e se non fago agora, quedaba sen facer.

Entón cando é a cita?

Será o 28 deste mes, ás 20:30 horas no teatro Salesianos. Estarei acompañado pola banda de Borges, uns músicos excelentes cos que interpretaremos en máis dunha hora os temas deste disco e outra composición. Creo que sobre todo vai sorprender. 

É un fan declarado de The Beatles. Cal é a súa proposta?

Este disco, sobre todo, se tivese que lle por unha etiqueta, é o de rock & roll con aires pop. Hai influencia de The Beatles, pero tamén ten moito de Leonard Cohen, certo Dylan e Radiohead ou determinados momentos, incluso os Rolling. Como músico son, ao igual que como escritor, moi ecléctico, escoito de todo. Gústame empaparme de todo. 

A producción está moi coidada e internacional.

Tiña claro que non quería facer unha trapallada quería un produtor moi profesional. Gravamos en Vigo, pero tamén en Madrid, Los Ángeles, Bos Aires ou Seattle. É o bo que ten a tecnoloxía dixital, permite traballar en remoto cos músicos separados ata por hemisferios. Antes era inconcibible, para producir un disco había que xuntarse todos nun estudio.

Como vai ser o directo con respecto ao gravado?

Imos intentar que  sexa o máis fiel posible ao disco. Non me gusta que un concerto soe igual que o álbum, para eso poñemos un disco e facemos play back. Me gusta ver unha banda e comprobar que tenta facer diferente ao que está no disco. Aínda así é imposible conseguir a mesma limpeza. No escenario temos que improvisar porque ese punto marabilloso que aparece na gravación despois de moitos intentos, en directo pode ou non saír. Pero veño cun grupo experimentado e os ensaios seméllanse bastante ao disco.

Ten comentado que compoñer unha canción non se diferencia moito de escribir unha novela.

No básico consiste en contar unha historia. Nunha novela, como  a que estou a piques de rematar, ten 300 páxinas. Nunha canción ten que durar 2 minutos e medio. A arte é toda igual, trátase de chegar a alguén que está noutro sitio para contarlle algo. A creación é a mesma adaptando a ferramenta. 

É como vai esa novela?

Xa escribín a primeira versión. É de xénero negro, corte policial cun enigma moi musical. O rock ten moita presenza na trama.  

 Ten data de publicación?

Non. O que me preocupa  é rematar este libro, centrarme no disco e empezar a xirar.  Onde nos chamen alí estaremos.

Xa está pechada entón a faceta como editor?

Serei editor ata que morra. Adiquei 15 anos da miña vida a Galaxia. É a miña profesión, ao igual que a de músico e a de escritor. Espero adicarme a edición o resto da miña vida.

Te puede interesar