Wöyza. Presenta disco con The Galician Messengers

Wöyza: "Este traballo segue soando a Galicia, pero co punto de vista dunha rapaza criada en Vigo"

Wöyza, no set de Atlántico TV.
photo_camera Wöyza, no set de Atlántico TV.

Coñecida como a voz negra de Vigo, Wöyza (Moaña, 1984) xa ten un oco no hip hop en no soul. Onte visitou o set de Atlántico TV para falar dun proxecto diferente, un disco con The Galician Messengers que presenta mañá, ás 19:30 horas, cun showcase na cantina do Vixiador.

Por que xurde agora o disco?

O proxecto de The Galician Messenger naceu en  2018 para representar a Galicia nun festival de Frankfurt. Foron sete concertos en tres días. Todo facía crer que ía quedar niso, pero a sensación que espertou entre o público alemán fixo que non desbotásemos a idea. Recibírono como algo exótico e novo. Durante a pandemia maduramos a idea, tivemos a oportunidade de gravar un vídeo en directo, que tivo un bo recibimento por parte do público. Este ano sacamos estas tres cancións moi representativas do noso son, o de mesturar as traxectorias de cada un dos membros, dous remixes de artistas de galegos e recuperei “Tempos de muller”, a miña primeira canción en galego no 2006. Cando xa temos unha traxectoria de anos, pódense perder cancións importantes.

Estes temas soan a Galicia, pero cunha perspectiva moi contemporánea.

Está lonxe da nova xeración como Fillas de Cassandra ou Berto que despuntan no movemento urbano, fusionando a tradición co trap  ou co reaggeton. O noso traballo segue soando a Galicia, pero dende o punto de vista dunha rapaza que se criou en Vigo, nun contexto diferente ao rural. Interpreto música galega dende a cantiga de Martín Códax a versos de Uxío Novoneyra, trouxen de volta estas letras para mesturalas con distintas referencias musicais.

Quen está en The Galician Messengers?

High Paw provén do reagge nacional, mentres David Outomuro é o batería de Eladio y los Seres Queridos. Tamén está María, de Faltriqueira; Jorge, o pianista de Anxo Lorenzo e Xulio Lorenzo, o noso gaiteiro. O que nos diferencia é que somos unha banda feita de moitos camiños e cada un loitou polo seu estilo e creu no seu. O que fixemos é conectar, é conexión é a nosas mensaxe, Galicia non só é unicamente música tradicional e folk. Eu fixen toda a miña vida hip hop, e aínda que ven de EEUU, tamén é nosa.

Como cantante de hip hop tivo que loitar para que se escoitase a voz dunha muller. É un sector machista?

Facerme escoitar é  quizais o máis difícil, deixar a miña visión nas cancións e compartila para tentar dar voz a quen non a ten. Non foi doado estar no hip hop, pero penso que sería o mesmo noutro xénero musical, todos están masculinaziados, é unha realidade social.

Na era das plataformas dixitais que lles levou a apostar polo formato físico?

Para achegarnos a outros mercados. Ao sacalo en formato físico tamén é accesible a persoas maiores. Traballamos con cantigas medievais e con poesía que lle dá un punto cultural parello ao cd, vai dirixido a un público que lle gusta escoitar o disco completo. Era necesario ter este formato, porque nunha play list pasa todo moi rápido. É un xeito de que perdure no tempo e de recuperar de forma doado o investimento. Con este traballo corrín un risco ao apostar por algo completamente diferente ao que fago. É amor pola música.

Te puede interesar