Iria Salvande: "Queremos que os conserxes sigan sendo parte da vida escolar"

Iria Salvande, no set de Atlántico TV.
photo_camera Iria Salvande, no set de Atlántico TV.
"En Vigo se está indo cara á amortización de prazas e falta puntualmente profesorado nalgúns centros"

O inicio do curso 23-24 estivo marcado pola falta de docentes nalgún colexio como o Igrexa-Candeán. Solventáronse estes problemas?

No Igrexa-Candeán non, pero si que hai un compromiso para que esa praza se cubra o ano que vén, este curso arranxaranse como poidan.

Hai máis colexios nos que falten docentes?

En Vigo se está indo cara á amortización de prazas e falta puntualmente profesorado nalgúns centros. Eles excúsanse na baixada das ratios, e non lle vemos sentido a que se quiten dotacións cando hai máis nenos con necesidades especiais.

Tamén houbo protestas pola privatización do servizo de porteiro-vixiante (conserxe) por parte do Concello. Que se sabe a día de hoxe?

Se avanza nese proceso. Estes días chegaron aos centros unha mensaxe dunha empresa que se presenta para prestar estes servizos. Nós estamos en contra porque non nos parece de recibo que o concello con maior presuposto de Galicia privatice servizos.

Que ven de malo nesta privatización?

Moitas cousas, pero a principal é que o porteiro-vixiante é parte da comunidade educativa e do consello escolar. É unha praza estable que había a nivel laboral e a vai xestionar unha empresa privada. Xa non vai ser o mesmo e non vai ser parte da comunidade educativa. Nós queremos que se saquen esas prazas a medida que se xubilan os porteiros-vixiantes e se cubra con persoal laboral. É un posto de traballo estable que funciona todo o ano.

Sobre as becas de comedor, avanzouse algo? Dende o Concello dixeron que os beneficiarios do ano pasado que o solicitaran este curso poderían acudir, cónstalles?

Non nos consta. Ou minten os directores ou minte o Concello. Nós preguntámoslle aos directores tras a resposta do voceiro do Concello e dixéronnos que non tiñan ningunha constancia e que non se ían facer responsables de que os mesmos repetisen. 

O prezo da comida encareceuse estes anos. Como repercutiu nos comedores que xestiona Foanpas?

Este ano conseguimos manter un pouco o prezo grazas ao incremento no convenio que firmamos co Concello. A Xunta tamén subiu o importe dos comensais para poder cubrir o servizo, sendo aínda moito maior o que aporta o Concello que o da Xunta, que paga 0,74 céntimos por comensal, unha cantidade irrisoria e insuficiente.

As familias pagan o mesmo que o ano pasado?

Un euro máis, o prezo do menú está a 86 euros.

Este xa é o segundo curso no que está vixente a Lomloe. Notouse algo no día a día dos nenos nos colexios?

Notouse no funcionamento dos centros, o Consello Escolar volveu ser a figura fundamental na dirección do centro e con maior participación de pais e nais. Tamén notouse cunha maneira de traballar diferente. O balance é positivo, salvo polo de ter que pagar os libros sempre nos cursos impares.

Alén dos problemas dos comedores e a privatización dos conserxes, que compre solucionar nos colexios vigueses?

Cómpre que a Xunta invirta dunha vez por todas nos coles do concello de Vigo. Leva moitos anos sen invertir diñeiro en infraestruturas dos centros. Temos que ter en conta que algúns teñen máis de 50 anos e están igual que cando estudiaba eu. É necesario que a Xunta aposte por renovar e actualizar os colexios e dotalos de infraestruturas adecuadas ao século XXI. E tamén invertir en personal de apoio, nun IES como o Alexandre Bóveda hai 850 nenos e unha orientadora para todos.

Te puede interesar