A Xunta convoca o Bono Deporte para nenos e nenas de 6 a 16 anos

Destina máis de 16 millóns de euros, con axudas de 120 euros para cada beneficiario

Publicado: 24 dic 2023 - 05:00

Reunión do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (centro) coas federacións deportivas de Vigo.
Reunión do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo (centro) coas federacións deportivas de Vigo.

As familias galegas poderán descargar a partir do 8 de xaneiro o Bono Deporte de 120 euros ao que poderán acceder todas as que teñan fillos de entre 6 e 16 anos e que estean federados ou inscritos no programa escolar de fomento da actividades deportivas “Xogade”.

A Xunta convocou o Bono Deporte, co que se pretende chegar a 135.000 rapaces e rapazas e para o que o Goberno galego vai investir máis de 16 millóns de euros. Esta iniciativa vai axudar ás familias a sufragar o 80 % das compras en material de equipamento ou do custe da asistencia a clases de actividades deportivas. O obxectivo é promover a práctica de exercicio entre os máis cativos.

Esta nova medida de apoio á práctica deportiva impulsada pola Xunta, recollida nos orzamentos de 2024, contribuirá a fomentar que o deporte sexa unha alternativa de ocio para os nenos e nenas, que socialicen entre eles e medren con máis saúde mentres realizan actividade física.

Dende o 8 de xaneiro

A descarga dos bonos estará operativa dende o 8 de xaneiro de 2024 ata o 29 de febreiro, e poderán usarse ata o 1 de xullo de 2024 ou, en ambos casos, ata esgotarse o crédito. Cada familia poderá descargar un bono por cada un dos fillos e fillas.

Precisamente, o Bono Deporte ten como finalidade axudar ás familias nos gastos derivados da práctica deportiva dos nenos en nenas de 6 a 16 anos federados ou do programa “Xogade” (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar).

Cun orzamento de máis de 16 millóns de euros, cada neno ou nena recibirá 120 euros (I.V.E. incluído) para a adquisición de material e equipamento deportivo ou a realización de actividades deportivas, tratándose dun desconto do 80% nos gastos ata chegar a eses 120 euros para cada caso. O devandito gasto deberá realizarse en establecementos comerciais, entidades deportivas ou prestatarios de servizos deportivos radicados en Galicia que se adhiran ata o 2 de xaneiro ao Bono Deporte. A Xunta pon a disposición dos cidadáns o correo electrónico bonodeporte@xunta.gal para dúbidas e suxestións.

O lanzamento do Bono Deporte enmárcase no compromiso da Xunta co deporte base e complementa outras medidas pioneiras en Galicia como o seguro gratuíto para participantes do programa Xogade, cun orzamento de 4,3 millóns ata 2024.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou ás federacións do orzamento co que contará o deporte galego o vindeiro ano a través doutras medidas. Así, destacou os 8 millóns de euros destinados a apoiar o tecido asociativo, no que xogan un papel fundamental estas entidades “coas que seguiremos colaborando a través de convenios que suman 5 millóns de euros para o desenvolvemento da súa actividade e a adquisición de equipamento”, apuntou. Ademais, a Xunta investirá 17,5 millóns de euros na creación e mellora de infraestruturas deportivas nas catro provincias galegas.

Para o vicepresidente primeiro, os orzamentos de 2024 reflicten a aposta da Xunta tanto polo deporte galego como polos seus deportistas, cun orzamento global récord de 56 millóns de euros e que representa unha suba do 28% con respecto a este ano.

Contenido patrocinado

stats