Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Traineras
Cando unha da o mellor de si, pouco ou nada ten que botarse en cara. Ese é o resumo que se lle pode aplicar a Tirán unha vez alcanzado o ecuador da Liga ACT feminina, na que o bote moañés é o pechacancelas. E iso que a “Mosqueira” fixo onte a mellor regata do verán. O barco foi lixeiro, a remada fluida e a ceavoga cinguida. Unha actuación moi boa. Porén, tan só serviu para rematar na penúltima posición. Pouco premio para tanto esforzo. A embarcación morracense deixou detrás a Cabo da Cruz, que vogaba na casa, e quedou a dous segundos de Hibaika. Superar ás vascas tería sido perfecto.
Pero a vida non é perfecta. Tampouco o remo. Alomenos para o común dos mortais. Porque Arraun Lagunak pode levar a contraria tras oito vitorias noutras tantas probas. Inabordables, inalcanzables, indestructibles. Invencibles. A traiñeira donostiarra domina con puño de ferro. Desta volta sen a canguesa Bea Piñeiro a bordo, que quedou en terra tras participar dende dentro no triunfo do sábado en Aguiño.
Na outra punta da táboa, na primeira quenda, Tirán vogou a un gran nivel. De menos a máis. A “Mosqueira” fixo unha gran ceavoga cando marchaba última e, a partires daí, subiu a cadencia e adiantou a Cabo para ir en busca de Hibaika. Faltáronlle metros ás remeiras de azul, que tiveron que contentarse coa penúltima praza. Dous puntiños que non as quitan de pobres pero que, alomenos, serven para bosquexar un sorriso.
Polo demais, a Donostiarra foi segunda, Tolosa terceira e Orio, coa canguesa Vicky Piñeiro na proa, cuarta. Por se fora pouco a ditadura de Arraun, estas tres embarcacións están nunha pechada pelexa entre elas -todas en tres puntos- que deixa o título máis sentenciado aínda -as líderes gobernan con 16 unidades de vantaxe-.
Na proba masculina, Bueu foi quen de evitar o posto de pechacancelas por primeira vez no que vai de Liga. A “Maruxía” subiu o nivel, mais foi un enganchón de Kaiku na segunda ceavoga a que permitiu ó bote morracense acadar un penúltimo posto que tampouco serve para demasiado, xa que o seguinte na xeral, San Pedro, foi oitava nun gran día.
Tamén o foi para Urdaibai, que recuperou a estela da vitoria tras ceder onte con Zierbena. A traiñeira de Bermeo, líder indiscutible, suma seis bandeiras por dúas dos pupilos do moañés Dani Pérez. Ninguén máis gañou. E onte, por momentos, estivo a piques de facelo Hondarribia dende a primeira quenda. A embarcación verde aproveitou as mellores condicións para facer un gran tempo, pero ó final somentes superou a Orio entre os barcos da quenda de honra. Cabo foi sétima diante da súa xente para deixar case sentenciada a súa permanencia.
Chapela perdeu o sábado a súa condición de invicta en Rianxo. Alí, Cesantes fixo un traballo sensacional e na mellor regata do verán sorprendeu ás beretes para apañar a bandeira. Pero se había algunha posibilidade de pensar nun cambio de dinámica ou mesmo que a liga puidera estar en disputa, onte rematou. E de que xeito. As remeiras de laranxa, motivadas polo acontecido na regata sabatina, saíron a fume de carozo e arrasaron na Bandeira Cidade de Ferrol.
O barco chapeleiro fixo unha exhibición e meteulle 1:37 a Cesantes. Escandaloso. Foi un desquite para recuperar o punto perdido, ensinar os dentes e amosar quen é a patroa da Liga Galega F. O resto dos botes finalizaron a un mundo de distancia.
Perillo e Rianxo foron os únicos embaixo dos dous minutos. Mugardos, Cabo B e Castropol acabaron por riba e as asturianas rozaron a fronteira dos tres. Unha demostración de que Chapela está noutro nivel.
Foi a única regata dominical da Liga Galega de traiñeiras, xa que os homes descansaron onte. Despois do súper sábado non houbo grandes cambios, con Ares liderando con firmeza a Liga A e Cedeira e Puebla mantendo un man a man na Liga B.
A vindeira fin de semana é de doble cita para a máxima categoría masculina, con regatas en Mugardos o sábado e en Moaña o domingo. As mulleres tamén vogan na localidade de Ferrolterra o sábado e para o domingo queda a proba de Liga B en Ribeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Balonmano | Liga Asobal
Por unas felices fiestas
Balonmano | División Oro
El Carballal busca en casa la tercera victoria de la temporada
Lo último