Baloncesto | Liga Femenina 1

A salvación do Celta Zorka Recalvi xa é unha cuestión de rodar costa abaixo

Maimona Haidara saca un lanzamento algo forzado ante a defensa de Washington.
photo_camera Maimona Haidara saca un lanzamento algo forzado ante a defensa de Washington.

O Celta superou ó Gran Canaria e dispón de catro partido de renda sobre o descenso

Albíscase a permanencia. É o arrrecendo que quedou onte en Navia. Un cheiro de satisfacción e esperanza, de cumprir o obxectivo co que se encaraba a tempada. Así houbo celebración entre as xogadoras e a bancada, e os saúdos do presidente, Carlos Álvarez, con invitados prensa e corpo técnico era cun sorriso. Felicidade e distensión. Pode considerarse que o cumio aínda non está ascendido porque queda nove xornadas, pero o certo é que con catro partidos de renda sobre o descenso, a cima xa quedou feita e o Celta Zorka Recalvi xa está en pleno descenso cara o campo base. Queda perigo porque pode producirse unha caída por un barranco, pero xa é pouco probable. E así o din os números, porque os sete encontros gañados é a media da categoría, foi necesario acadar oito no último lustro. O Celta xa acadou a cifra de sete e ten nove xornadas por diante para mellorar. 

A renda sobre o descenso e de catro encontros e o límite o pon un Spar Gran Canaria que onte perdeu no pavillón vigués tras un enfrontamento tan bo da formación viguesa como deficiente do seu rival. O equipo celeste defendeu coordinado e xuntiño; o opoñente, pouco. Atacou con variables, o Gran Canaria apenas as tivo, e coidou ben o balón; as canarias, non. E así, nese contexto, a vitoria quedou na casa. 

Falou Cristina Cantero de que saiu o plan de partido, que as xogadoras fixeron o traballado para parar a un opoñente de calidade, que anota, pero que ten problemas para correr. A táctica era minimizar as virtudes visitantes na pintura e forzalas a xogar máis rápido do que lles gustaría. Así sucedeu durante moitos minutos e, tamén é certo, que o Celta Zorka Recalvi xogou con ese factor de presión, coa facilidade de que as cousas marchan ante un opoñente cheo de dúbidas, de pouca confianza e, na segunda metade, de escasa dirección do xogo ó que engadiu pouco acerto no lanzamento de tres. 

O primeiro cuarto foi visitante grazas, en gran medida, a que si entraron os lanzamentos exteriores. O Celta intentou minimizar a producción de Ndour e apareceron as opcións por fóra para chegar ós dez minutos con 16-23. O inicio do segundo acto xa trocou a tendencia e rematou por virar o partido cun parcial de 13-0 dende o 26-28 ó 37-28. Un par de novas aparicións da pívot, triplo incluido, evitaron chegar co encontro rachado ó descanso (42-37). 

O terceiro cuarto foi o de menor anotación o, dos erros, o das dúbidas. As locais ameazaban estirar a renda e as visitantes por agarrarse ó enfrontamento e así chegouse con 59-53 a falta de dez minutos. No treito final non existiu color. O Celta acadou con celeridade once punto de renda, despois trece, seguiu defendendo forte, con axudas, Senosiain anotou de tres e tomou o relevo no posto de base Regina Aguilar para coller o balón para manexar o tempo e asegurar a vitoria. Unhas cantas asistencias de nivel e peche ó partido mentres o Gran Canaria, sen plan nen alternativas, erraba e erraba no tiro, nos pases e nas decisión. 

Vitoria colectiva, dende a defensa e a carreira. Dende o colectivo para un Celta que está a punto de acadar o obxectivo.

Te puede interesar