Un ponteareán no cumio do ciclismo

Ciclismo

Manuel Rodríguez gañou o título de campión de Galicia sub-23 na Domaio Heroica, onde o brionés Cristian Lapido venceu na categoría elite e Marc Torres fíxose coa victoria absoluta

O ciclista brionés Cristian Lapido festexa a súa vitoria en categoría elite na meta de Moaña.
O ciclista brionés Cristian Lapido festexa a súa vitoria en categoría elite na meta de Moaña.

A terceira edición da Domaio Heroica–Desafío Delio Fernández, disputada onte como Campionato de Galicia, deixou como gañador absoluto ao balear Marc Torres (Padronés Cortizo) e as dúas coroas que estaban en xogo cambiaron de propietarios. O ponteareán Manuel Rodríguez (Padronés Cortizo) fíxose co título sub-23 e o brionés Cristian Lapido (Team Oiense–Escuela Estévez) co elite.

Dous ciclistas convertéronse nos grandes protagonistas da xornada dende o treito inicial do percorrido de 149 quilómetros deseñado pola A.D. Punta Fondón, a entidade organizadora do evento. O ibicenco Marc Torres, gañador esta tempada da Copa Galicia Sub-23, e o manchego Jose Antonio Redondo (Avimosa–Chozas), exprofesional que chegou a lucir as cores do Astana, formaron un tándem que se consolidou á fronte da carreira antes do quilómetro 30. Despois dun arranque cheo de ataques, o dúo de cabeza gozaba dunha renda de 2 minutos á altura do quilómetro 50.

A primeira parte da Domaio Heroica–Desafío Delio Fernández transitou polos concellos de Vilaboa, Soutomaior, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas antes de regresar ao seu punto de partida, á parroquia moañesa de Domaio. Unha vez realizado o primeiro paso polo que posteriormente ía ser a liña de meta, dábanse dúas voltas a un circuíto no que se ascendía o Alto de Cruz da Maceira continuando ata o Lago de Castiñeiras en Marín. A dureza do trazado non pasaba factura a Torres e Redondo, pero si á unidade entre os seus perseguidores, establecéndose ata catro grupos.

O representante do Padronés Cortizo e o do Avimosa Chozas comezaron a última volta con 1:15 de vantaxe respecto a Joan Martí Bennassar (High Level – Gsport), que rodaba en solitario, facendo de ponte entre os dous de cabeza e un selecto grupo que circulaba a 3 minutos dos primeiros. A boa colaboración entre Torres e Redondo permitiulles chegar xuntos á entrada en Domaio por Vilaboa, onde a falta de un quilómetro para a meta, o sub-23 balear soltou ao seu acompañante para festexar o triunfo cun tempo de 3h43:46. O terceiro posto non se lle escapou a Bennassar, dando presenza ao conxunto anfitrión no podio.

Unha vez que finalizaron os tres primeiros, a expectación mantívose na liña de meta para coñecer quen conquistaban as dúas camisolas do Campionato de Galicia. A sub-23 obtívoa Manuel Rodríguez, oitavo clasificado da proba e único galego da súa categoría no grupo que entrou a case 3 minutos do seu compañeiro Torres. O ponteareán xa se anotara este título no 2021. Outros 3 minutos máis tarde concluíron oito ciclistas entre os que Martín Rey (Padronés Cortizo) acadou a medalla de prata sub-23 e Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz), a de bronce.

A resolución entre os elites foi ao sprint. Nun grupo que rematou a 7:42 do gañador absoluto, catro corredores pugnaron polo maillot autonómico e Cristian Lapido proclamouse por primeira vez campión de Galicia. O de Brión conseguiuno por diante de Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Juan Vidal (Lasal Cocinas–Craega), segundo e terceiro.

Contenido patrocinado

stats