ATLETISMO

Moita diversión e algúns atletas

Case cincocentos participantes tomaron a saída na Carreira do Entroido polo centro de Vigo.
photo_camera Case cincocentos participantes tomaron a saída na Carreira do Entroido polo centro de Vigo.

A Carreira do Entroido encheu de cor e sorrisos o centro de Vigo con vitorias para Ester Navarrete e Lolo Penas 

A medio camiño entre a competición e a diversión. Ou máis ben, moitos optaron polos sorrisos mentres un poucos centrábanse máis na parte deportivo. Aínda que, todo hai que dicilo, os dous preceptos misturábanse nos participantes, a cuestión era establecer a porcentaxe de cada un deles.
Porque a carreira do Entroido é o correr trasladado á festa. Máis da metade dos 431 participantes nas probas de 5 ou 10 quilómetros ían con algún tipo de vestimenta acorde á época nas que estamos. Había disfraces máis cómodos, aptos para correr, e outros un pouco máis sofisticados. 
Na parte deportiva, os gañadores da proba principal de 10.000 metros e dúas voltas a un duro trazado foron Lolo Penas e Ester Navarrete. Penas con máis problemas dos previstos pola boa actuación de Iván Cánovas. Na distancia curta o triunfo foi para Adrián Lago Tizón e Lea Breinholt Moeskjaer, que gañaron con claridade. 
Detrás dos primeiros clasificados e do podio entraron outros moitos corredores, algúns tiñan a misión de facer unha boa marca e outros moitos, de pasar un bo rato con amigos. A xornada foi aberta polas carreiras de nenos, tamén coa súa caracterización. 
Por alí andaba o numeroso grupo de 'zombies' con moita maquillaxe e o toque de motoserra de xoguete. Tamén había unha banda de ladróns e carteiristas perseguidos por policías de mentira e de verdade. Bailarinas atletas foi unha das versións máis utilizadas ó igual que os enfermeiros á carreira. 
Disfraces típicos, moitas bromas e algúns que outros que xa eran para buscar o notable ou o sobresaínte. Pola Porta do Sol pasou Pedro Picapedra ou o Capitán América. Tamén un xogador de fútbol americano algo despistado e Popeye o mariño buscando a súa particular Olivia, que viña sendo a liña de meta. 
Moitos disfraces, decenas de perrucas e ata a aparición estelar dos Merdeiros, que levaban a troula polo casco vello e, de paso, puxeron algunha cambadela ós participantes. É entroido e todo está un pouco permitido, aínda que entre todas as vestimentas un quédase co 'vintage' da matinal. Un ciclista-atleta do equipo 'Clas Cajustur', desaparecido alá polo ano 1993. Recordos doutra época. 
Se alguén non considera importante a vestimenta que lle pregunte a Sandra Mosquera. Segunda clasificada e pintada de gata. Sacou as unllas cando o speaker dixo que a primeira con disfrace foi a cuarta.n

Te puede interesar