María Reimóndez: "A literatura non é so contido, non se trata só de contar cousas, senón como se contan"

María Reimóndez, escritora, Premio Xerais Jules Verne 2023

Publicado: 05 jul 2023 - 05:00 Actualizado: 05 jul 2023 - 07:52

María Reimóndez, no set de Atlántico TV. // Jorge Santomé
María Reimóndez, no set de Atlántico TV. // Jorge Santomé

A recén galardoada como Premio Xerais Jules Verne á literatura xuvenil, María Reimóndez (Lugo, 1975) visitou o set de Atlántico TV para falar dos súas últimas propostas literarias.

Ven de gañar o Jules Verne con “Furia”, que non sairá do prelo ata outono. Que pode adiantar da historia?

Estou moi contenta de ter recibido esta noticia hai nada. É unha novela xuvenil, na que sae representada esta cidade. A protagonista vive en Vigo, é unha rapaza de 16 anos que está a pasar por unha perda, a da súa nai. Atopa no boxeo un espazo no que conectar con persoas e con emocións, tamén co seu propio corpo.

De feito, ten algo de autobiográfico, a lo menos no que ao deporte se refire.

Son afeccionada ao boxeo. Teño a sorte de levar uns anos con Alexis Iriarti, que é un adestrador fantástico. Aínda que semelle algo trivial, para min é moi importante, e o boxeo acaba aparecendo en “Furia”.

Aínda que como no seu caso, se teña unha traxectoria xa consolidada, un premio destas características debe supor un revulsivo.

Xa levo moitos anos publicando, 21 anos, pero cando o premio é dun texto presentado de xeito anónimo ven a reforzar o traballo que se está a facer. É unha alegría que a historia chegase ao xurado e posiblemente a máis xente. Amais é de Xerais, que é a miña casa, polo que ten esa carga afectiva adicional.

Aínda que estea clasificada na sección xuvenil, é unha novela tamén para público adulto?

Penso que esa categoría ás veces é enganosa. Pode ter a adolescentes como protagonistas, un xeito de enganchar á mocidade, pero tamén é importante estar presente na vida dos adolescentes é compartindo literatura é un bo xeito.

Chega este premio cando está en plena promoción da súa última publicación, “Multitudes”, un xénero completamente distinto.

Multitudes é a segunda parte de “Cobiza”, que obtivo o premio Pinto e Maragota. É unha triloxía e nesta nova entrega dan respostas a cousas que quedaran sen desenvolver. Ambiéntase nun mundo distópico subxectivo para facernos pensar dende o presente en temas como natureza, a diversidade de xénero, as árbores, que como o boxeo é unha das miñas teimas.

Repite ao darlle o protagonismo aos seres completos, entre humanos e vexetais.

Están nese mundo que se presenta en “Cobiza” e que en “Multitudes” acontece nun lugar afastado, onde se crearon seres de material vexetal pero con aspecto humanos. É un mundo cunha degradación ambiental extrema e de explotación dos corpos. Esas árbores dan outra ollada, habitan un espazo de exploración, onde a resistencia se organizan para se antepor á “Cobiza”.

Na primeira novela remataba cunha mensaxe positiva, comparte esta visión na segunda entrega?

As novelas están escritas por substratos, como a terra. Desenterráronse cousas e esa semente avanza en “Multitudes”. Sempre escribo dende a esperanza. Vexo a distopía como una ferramenta preventiva y non como unha profecía autocumprida.

Resúltalle máis doado analizar os vicios sociais dende a ciencia ficción?

Neste caso, na triloxía dos seres completos, si precisaba esa distancia que da ciencia ficción, temas que trata como “Cobiza”, porque ía tratar temas como o rexurdir da escravitude, que segue presente na nosa sociedade, como muller branca resultábame complicado e a ciencia ficción dáme esa mirada oblicua de abordar cuestións do presente en tratados doutra maneira. Interésame moito a forma, a literatura non é só contido, non se trata de contar cousas senón de como se contan. A ciencia ficción aporta ferramentas que non as ten a realista.

Contenido patrocinado

stats