Unha marea excelente para Samertolameu

Samertolameu asinou a sétima posición e reactiva as esperanzas de permanencia

O barco de Samertolameu realiza unha ceavoga na proba disputada onte en Santurtzi.
O barco de Samertolameu realiza unha ceavoga na proba disputada onte en Santurtzi.

Sétimo posto necesario, urxente, revitalizante. Samertolameu aproveitou onte a oportunidade que lle brindou o campo de regatas de Santurtzi, coas súas rúas irregulares, para asinar una posición na metade da táboa e recortar a diferenza na xeral sobre a zona de permanencia. Aínda que, sobre todo, rachou unha xeira de tres regatas no último posto a moita distancia do resto de traiñeiras. Polo resultado e pola forma, a marea da “Terca” resultou extraordinaria.

A cita era na desembocadura do río Nervión, nese treito de mistura de auga doce e salgada chego de localidades vascas con nome de remo: Sestao, Portugalete, Santurtzi e Zierbena. Na mañá dominical a marea tocaba en ascenso e o campo de regatas non era o tradicional. O primeiro longo era a favor, pero curto, duns 600 metros ata a baliza. Despois tocaban case dous quilómetros co mar en contra e ó virar, outros tantos con él a favor para un sprint de novo de dureza.

O sorteo, algo chave nesas circunstancias, enviou a Samertolameu á terceira baliza e iso eran boas novas. Evitaba o burato da segunda rúa e, se as circunstancias eran boas, podía pegarse ó carreiro catro coa corrente en contra, que golpea máis no centro da ría. Así sucedeu. No primeiro longo, feito a morte ata a ceavoga, Samertolameu evitou non perder tempo e polo tanto, defender o carreiro. E ademais, a manobra chegou con agasallo porque Santurtzi, penúltima da xeral, viu como o piqueiro Endika Morán marchou ó mar na manobra. Escapouselle a pica, tentou collela e rematou no Nervión. Polo peor carreiro e cun remeiro menos: o barco vasco estaba condenado á última praza.

Quedaba por saber ata onde podía meterse Samertolameu. No segundo longo viu como Lekitarra a sobrepasaba polo carreiro catro, o mellor contra corrente, pero o bote vasco limitouse a aproveitar a vantaxe e non loitar coa “Terca” que navegou invadindo o carreiro. Os moañeses careceron de capacidade para evitar o adiantamento pero Jacobo Gayo estivo listo para, no terceiro longo, coa corrente a favor, meterse na estela deixada por Lekitarra. Aí, todos ían co mar a favor e polo centro do campo de regatas. O saber meterse tras a predecesora e, tamén a fe, facilitou a Samertolameu evitar perda de temo e, sobre todo, manter a Kaiku por detrás. Durante moitos momentos, no mesmo tempo, pero o barco de Sestao tiña que regresar ó primeiro rego ó final do terceiro longo. Iso significaba facer moitos metros de máis e, sobre todo, bater cunha parede de corrente contraria trala última baliza.

O segundo posto na manga xa era moi positivo para “A Terca” e quedaba por saber se podía gañar a traiñeiras da quenda seguinte. Superou a todas menos a Orio, que vogou pola cuarta rúa, unha autoestrada onte. Despois, a propia igualdade -que limita os movementos de carreiro- limitou ó resto no momento de máxima forza da marea. Entre as grandes, gañou Hondarribia, que axusta a loita polo título.

Para Samertolameu a marea resultou especialmente favorable, pola colleita de puntos, por gañar esperanza de salvación e para creer que o barco non é tan malo. Máis alá de diferencia de carreiros, gañou a Ondarroa e estivo a catro segundo de Donostiarra, que tamén competiron no terceiro rego.

Contenido patrocinado

stats