Balonmano

Isma Martínez, técnico do Porriño: “Os erros pesan, pero desta volta fomos unha rocha”

O adestrador cangués da indicacións durante un tempo morto.
photo_camera O adestrador cangués da indicacións durante un tempo morto.
Isma Martínez, técnico do Porriño, amosou o seu “orgullo polo partidazo” do seu equipo

Insiste e insiste en que non gañou nada, pero a expresión do seu rostro non minte: Isma Martínez está feliz. "Estamos moi orgullosos das xogadoras e do seu partidazo", recoñece o técnico do Porriño, que volveu gañar na Sangriña once anos despois -a última vez era o segundo de Abel Estévez-. “Agora queda desfrutar unhas horas. Despois cortaremos o partido para corrixir cousas”, expón.

Porque o adestrador cangués réstalle importancia á vitoria de onte. “Tal e como é o sistema, o único que gañas é garantir unha prórroga na volta”, reflexiona, xa coa mente posta no segundo encontro, o domingo no Municipal.

Isma lamentou non poder botar o peche do partido moito antes dos dous penaltis de Buforn. A ibicenca fallou o primeiro e anotou o segundo para gañar. O seu adestrador di que non sufriu nos intres inmediatamente anteriores. “Moita tranquilidade. Se Paulina colleu o balón é porque tiña confianza. Estivo moi eficaz todo o partido", suliñou o técnico, satisfeito polo traballo grupal.

“Hai un momento no que puidemos marcar unha distancia decisiva, pero non fomos quen de coller esa renda. E ó final, aquí custa gañar. A xente apreta, a súa porteira sacou moitas nese tramo. Tiña que ser sufrindo e foi”, comentou sobre  o inicio da segunda metade, na que o conxunto louriñés puido pechar o encontro pero topouse con Míriam Sempere e a súa propia falta de puntería. “Os erros pesan pero desta volta, fomos unha rocha a nivel mental”, concluiu.

Te puede interesar