traiñeiras liga act

Honra sen ascenso

O remeiros de Tirán Pereira trasladan a traiñeira onte na regata de Portugalete.
photo_camera O remeiros de Tirán Pereira trasladan a traiñeira onte na regata de Portugalete.
Tirán asina a terceira posición en Portugalete, onde Ares e Zarautz gañan a praza na ACT

Tirán tiña que gañar onte en Portugalete para ascender á Liga ACT despois do quinto posto da xornada previa en Bermeo. Precisaba iso e tamén unha carambola matemática con malos resultados de Ares e Zarautz, os dous primeiros na regata inicial do 'play-off'. Non sucedeu ningún dos dous feitos porque o barco de Ferroltera e o vasco foron mellores que a traiñeira moañesa durante todo o fin de semana. Unha cousa é a ambición, os intentos, e outra a realidade da competición na que dous barcos gañaron a praza na máxima categoría do remo de traiñeiras por méritos propios. Foron mellores e o vindeiro curso estarán na ACT e a "Mar do Con" vogará na Liga Galega coa intención de volver a gañarse unha praza para tentar de novo o ascenso. 
O certo é que en Portugalete os remeiros de Benjamín Vázquez 'Benji' saíron á contrarreloxo que pechou o curso con toda a intención de dar a sorpresa nunha proba en río e con algo de vento. Non tiñan nada que perder e moito que gañar e realizaron a que, probablemente, foi a mellor regata da tempada. Na primeira baliza estaban marcaron o terceiro mellor tempo, incluso por diante de Ares e por detrás de Zarautz e Deusto Bilbao nunha manobra na que as embarcacións estaban nunha marxe de tres segundos. No ecuador da proba, calquera posible sorpresa xa estaba descartada porque as traiñeiras máis rápidas do sábado tamén establecían o mellor tempo no ecuador da proba do domingo. A tripulación moañesa pasaba cuarta, claramente por diante de San Pedro e coa intención de manter o ritmo para superar a Deusto, algo que sucedeu no último longo. Tirán Pereira cruzou a liña de balizas de Portugalete co terceiro mellor tempo do día a dez segundos do barco galego que si ascendeu, un Ares que ocupou a primeira posición no 'play-off' da ACT e que onte asinou o segundo mellor tempo do día. Superouno Zarautz, que regresa á máxima categoría despois de moitos anos, mentres que os de Ferrolterra volven unha tempada despois. 
Para Tirán Pereira queda a honra dunha tempada notable, de absoluta reconstrucción despois de padecer dez baixas e na que tomaron moito protagonismo remeiros de menos de 30 anos. A "Mar do Con" renovouse, loitou por ascender e tivo un papel notable. Por diante atopou traiñeiras máis fortes e ante iso non se pode facer máis que tentar mellorar o vindeiro ano. 
O resultado é que na competición de 2020 haberá dúas traiñeiras de Galicia na máxima categoría e ambas da provincia da Coruña, unha circunstancia extraordinaria. Os clubs da provincia de Pontevedra, especialmente Samertolameu e Tirán Pereira, terán que traballar para regresar á máxima categoría do remo. 

Vitoria de Urdaibai
Na última xornada da competición de liga chegou a única vitoria de Urdaibai da tempada nunha proba moi condicionada polo cambio de marea e o aumento do vento. As tres mellores traiñeiras vogaron na quenda inicial e Orio, vencedora este curso, soamente superou a Cabo da Cruz. O barco de Boiro finalizou o curso oitavo na regata e na liga.n

Te puede interesar