Cabo da Cruz derrotou ás traiñeiras da Ría de Vigo

El club boirense repite dobrete no Galego con podios para Tirán, Chapela e Samertolameu

Publicado: 26 jul 2023 - 02:15 Actualizado: 26 jul 2023 - 07:54

Tirán Pereira e Chapela, nun momento da regata celebrada onte en Ares.
Tirán Pereira e Chapela, nun momento da regata celebrada onte en Ares.

Día de Galicia e, como é habitual nos últimos años, xornada para a disputa do Campionato Galego de traiñeiras. Nesta ocasión, en augas de Ares e coa intención do barco local de facer certa oposición a Cabo da Cruz. Non foi posible e o club de Boiro revalidou os títulos obtidos en 2022. O remo galego segue sendo vermello e todo indica que seguirá así uns cantos anos máis.

Na edición de 2023, os prognósticos eran claramente favorables ás traiñeiras de Cabo da Cruz e cumprironse, con algo de apuro nos homes, e de xeito totalmente claro entre as mulleres.

Elas foron as primeiras en vogar nunha xornada que comezou co mar en calma e coa brisa mariña, que foi a máis ó longo da regata para incomodar na quenda de honra masculina. No inicio, co mar como un plato, Cabo da Cruz xa tiña o título galego na proa ó final do primeiro longo porque adquiriu sete segundos de renda sobre Chapela e dez con Tirán. E a partir de aí, a loita entre as dúas tripulacións da Ría de Vigo resultou fermosa e dura. A “Ruly”, que debuta na Liga Euskotren, tiña o reto de gañar ás remeiras do paseo de Cardona, líderes da Liga Galega. O treito chave foi o segundo porque, tras virar por diante, a “Arealonga” perdeu uns segundos decisivos e por terra pasou a dous segundos do barco moañés. O terceiro rego resultou un proa con proa fabuloso para chegar ó último cos barcos emparellados. Quizais pola maior esixencia de vogar na máxima categoría ou igual por manter máis a forma, foi Tirán Pereira a que acadou a prata.

En homes, a principal cuestión era determinar se Ares, que viña de gañar as dúas últimas regatas da Liga Galega, tiña o punto de forma necesario para loitar con Cabo da Cruz, que tamén tivo sesión dobre, pero no Cantábrico, o que limita a recuperación.

O vento non axudou a unha posible sorpresa porque, aínda que con pouca diferenza, o carreiro un parecía máis tapado do golpeo do aire e por alí navegou o barco do Barbanza. Samertolameu -tamén da ACT, aínda que colista- e Bueu completaban unha queda de honra, na que a “Maruxía” quedou descartada no primeiro rego.

Cabo virou antes, pero cun segundo sobre a “Santa Olalla” e “A Terca”. A emoción durou ata a baliza de terra. Aí xa estaba a proba resolta. As diferenzas eran pequenas, pero decisivas. Ata o final de regata, Ares loitou pero quedou a catro segundos de Cabo da Cruz e Samertolameu rebaixou por dous segundos o tempo de Chapela, que vogou na quenda anterior.

Contenido patrocinado

stats