Opinión

Xil Ríos desde o Festival do Miño

Se esta nosa terra fixera xustiza, seguramente a canción ‘Xirarei’ sería considerada a mellor tentativa de facer un pop en galego, ou o que antes viña en chamarse música lixeira. Unha tentativa con moi pouca continuidade nas seguintes décadas, seguramente pola moita culpabilidade de quenes, con cortedade de miras, vían nestas cancións algo pouco comprometido co País. Daba a impresión de que en galego soamente se podía facer folk, rock bravú ou, como moito, a chamada canción folclórica, enarborada pola querida Ana Kiro. Pois contra vento e marea, e nunca mellor dito para un home de mar, segue Xil Rios en activo case corenta anos despois de ter gañado o Festival do Miño, no entrañable Xardín do Posío que tantas noites de gloria e diversión deu e vai dar á cidade de Ourense. Xil móstrame aquela Roda de Afiar de Ouro que o xurado do festival e a crítica lle concederon, e ensíname orgulloso as referencias xornalísticas da época que dan conta do seu trunfo, mentres compartimos nécoras e bruños da ría, na súa casa de Moaña, onde exerce de xefe dun clan formado por muller, fillos, noras e netos, que cada día comparten cariño e vivencias á hora do xantar. Tantos anos de traballo hosteleiro conxunto naquel restaurante moañés con algunhas das carnes máis saborosas do Morrazo servirian de nexo de unión desta familia de cociñeiros, artistas, mariñeiros, promotores ou o do que se lles poña por diante. Xil Rios é tamén o claro exemplo do sufridor das contradiccións deste País ingrato; noutrora incómodo para o poder establecido, e logo ignorado pola Galicia excluinte, esa na que uns cantos deciden quen ten patente de galego comprometido e quen non. Mentres en Andalucía lle conceden a medalla de ouro da comunidade a David Bisbal co aplauso da inmensa maioría da sociedade andaluza; aquí trataríase tal feito como unha folclorada vergoñenta por parte dos gurús xornalísticos da cousa cultural. Eu non dubido que Luz Casal teña feito méritos máis que suficientes para ser condecorada cunha Medalla Castelao; pero asegúrolles que se falamos de compromiso, traballo, e defensa da terra e do idioma, o amigo Xil Rios ten méritos dabondo como para poder levar por fora do peito o que hai moitos anos leva por dentro. E se falamos de cancións, ó lado do ‘No me importa nada’ da gran Luz, pídovos que escoitedes a balada ‘Non viviría sen ti’ do gran Xil; asegúrovos que é para poñer a pel de pita coa exhibición de voz e poderío. Pero axeno a todo isto que eu escribo, Xil Rios volve ós escenarios dos que nunca se baixou, e volve cun novo disco baixo o brazo con aires cubanos e galegos; volve cun ‘Son da alma’ á base de combinar os sons da percusión galega cos ritmos caribeños que son parte da memoria sonora da súa xeración; e faino coma sempre, gastando parte do seu patrimonio en facer as cousas ben feitas, e disposto a volver percorrer esoutra Galicia maioritaria que o quere e admira cada vez que sube a un escenario ou ó palco da festa. Porque Xil é iso xustamente, festa en maiúsculas, un auténtico furacán contaxiante de boas vibracións. E por todo iso, o programa de verán que estou a piques de estrear na TVG levará o nome dunha das cancións que o cantante de Moaña popularizou: O ‘Tan ta ran tan’; unha pandeirada que nos recorda que neste País de ingratos aínda hai unha débeda pendente cun grande da música galega, o amigo Xil Rios.

Te puede interesar