Cartas al director

co galego non se xoga

 “Si quiere la atención en castellano pulse 1. Si quiere la atención en inglés pulse 2. Si quiere la atención en catalán pulse 3”.
Así é como recebe o contestador da Radiotelevisión Española (RTVE) a quen chama ao Ente para solicitar información. Parabéns para os cataláns, que son un dos poucos pobos sen estado que traballan a cotío para normalizar a súa lingua, á que coidan e agariman coma se fose unha filla ou unha nai. ¡Non como outros! 
Pero, ¿que acontece con nós? Cos galegofalantes e os galegopensantes (que algún queda). ¿Inda non se engalanou ningunha cidade ou vila galega con bandeiras reclamando o mesmo trato? Ou é que os nosos políticos non telefonan xamais á RTVE, aínda que só sexa para preguntar polo prognóstico do tempo. Ou para solicitar que lles fagan unha pequena interview. 
E o Goberno central, que semella que virou periférico-selectivo, ¿non se decatou de que en España existen outras tres ou catro linguas que merecen o mesmo recoñecemento e tratamento? ¡Ah! ¿Que non hai demanda delas? No hi ha cap problema: xa se sabe que a oferta crea a súa propia demanda, ¿nonsí? Máis alén diso, está admitido unanimemente que nas cuestións culturais non opera o imperativo economicista, senón non habería subvencións á cultura. 
En consecuencia os galegos (eu o primeiro), temos que esixir aos Señores Ministros dos diferentes ramos que, por favor,  engadan outros tres ou catro numeriños ao sistema telefónico da RTVE e dos demais organismos que ofrecen ese servizo de atención aos cidadáns, de xeito que se protexan todos os idiomas que existen no Estado. Como ben manda a vixente Constitución (artigo 3.3): “A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”.
E deixémonos de gaitas. Porque...: ¡Co galego non se xoga!