Cartas al director

Intercambio de descalificacións dos partidos políticos

PP, PSOE, Podemos, IU... intercambian descualificacións ante os comicios.
A min, persoalmente, tenme sen coidado como se dirixan uns a outros (xente, casta), sobre todo se o que se está a barallar é a confrontación electoral.
Entre uns e outros, é obvio que estamos nós, que compoñemos a pluralidade e votaremos en función dos nosos intereses comúns, convencidos de que todo isto que acontece pode mellorarse.
Somos xente comprometida, que nos preocupamos dos nosos conxéneres e queremos mellorar o que temos para así conseguir que ninguén pase fame e poidamos vivir dignamente educando aos nosos fillos. Necesitamos ter oportunidades que se traduzan nunha vida máis xusta, onde cada un de nós teña o mínimo para vivir dignamente como suxeitos de dereitos e obrigas que somos dentro das pluralidades e especificidades de cada un.
Temos que avanzar, contribuíndo co noso esforzo diario, a un mundo máis xusto, menos manipulado e máis participativo. Por iso, creo que debemos avanzar xuntos, sen preocuparnos demasiado dos dimes e diretes duns e outros.
Consensuemos o que nos interesa sen deixarnos manipular. Non debe esquecérsenos que o que nos digan estará encamiñado a convencernos de que o que propoñen é o mellor, co fin único e exclusivo de conseguir os votos que lles fan falta para permanecer onde están.
É hora de cambiar as regras. Temos que comprometernos connosco mesmos para conseguir que este mundo sexa máis xusto: rematemos coa extrema desigualdade.
O argumento do crecemento como xustificación para non se enfrontar á desigualdade económica xa non se sostén e tamén está claro que aínda que, segundo Rajoy, “se lle deu a volta a unha das situacións máis complexas dos últimos anos” que non é certo, é obvio que nos deixamos "moito" no camiño: menos empregos e menos salario, máis desigualdade entre homes e, mulleres, menos servizos cidadáns, menos investimento en servizos públicos e como remate, menos liberdade de decisión xustificada nas súas últimas consecuencias polos líderes políticos que, como adaís das solucións, se permiten dicirnos a quen non votar.