O sabor galego da música, a través de cuarenta instrumentos

“Guía didáctica de instrumentos galegos” é a publicación, editada por Ouvirmos, que onte presentou o seu autor, Moisés Quintas (Bande, 1965), no Conservatorio Profesional. Mestre de música en Primaria no CEIP Xosé Fernández López, de O Porriño, Quintas embarcouse nesta aventura literaria para completar a oferta educativa sobre os aparellos musicais galegos.
O sabor galego da música, a través de cuarenta instrumentos
Aparecen a gaita, a pandereita, o violín, a requinta, o pandeiro ou a zanfoña, pero tamén as cunchas, as piñas, as culleres ou a lata de pementos. Un total de cuarenta instrumentos, propios e accidentais conforman este novo catálogo. Tal e como apunta o autor, non se trata de unha obra de exclusivo carácter etnográfica, xa que “en distinto grado, pero todos están en uso actualmente”. Para o comprobar, o libro vai acompañado por un cd con gravacións dirixidas polo propio Quintas e que conta coa participación dos músicos Javier Morgade, José Manuel Fernández, Marcial Pérez, Viqui Pérez, Rosa Gayoso, Lucía Martínez, Almudena Alonso, Pepe Quintas e Xaquín Míguez.
A viaxe a través dos aparellos para facer música en Galicia amosan curiosidades como a frauta de cana, feita polos rapazes coa mesma dixitación que a gaita, a xeito de instrumento preparatorio. “Aprendía de ouído e reproducían todo o que escoitaban; se o neno valía, pode que na casa venderan unha vaca para mercarlle a gaita”, comenta Quintas, instrumento que sinala como o máis significativo de Galicia “tanto dentro como fora do territorio”. Apunta súa importante evolución, pasando de ser meramente popular a estar regulado e impartido no conservatorio. As primeiras referencias da gaita galega remóntase á época romana. Dende entón foi mellorando a súa afinación, ata posibilitar concertos ao unísono.