VIGO

Profesores de galego alertan de que vai camiño de ser “un idioma extranxeiro”

L os departamentos de galego das tres universidades do país veñen de facer pública unha declaración conxunta na que advirten que a situación do idioma propio non deixa moitos motivos para a celebración. Os directores dos departamentos de Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo), Galego-Portugués, Francés e Lingüística (Universidade da Coruña) e Filoloxía Galega (Universidade de Santiago de Compostela) asinan un documento no que amosan a súa “profunda preocupación pola situación actual e polo futuro da lingua e cultura galegas”. E é que, segundo explican, os últimos datos estatísticos publicados amosan que o uso e transmisión da lingua propia “retrocedeu de forma alarmante nas xeracións máis novas, o que implica que a lingua galega está en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria”. Os membros dos departamentos das tres universidades tamén alertan da “preocupante redución de persoal e a drástica e alarmante diminución de investimentos en todos os ámbitos relacionados coa promoción do uso e normalización da lingua galega, así como coa industria cultural a ela vinculada, por non falarmos do recuamento da lingua galega na administración pública (incluíndo as propias universidades) e no sector privado”.  Lamentan a falta de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e, de forma subseguinte, os efectos contraproducentes do Decreto de Plurilingüismo do ano 2010. No documento defenden a lingua propia como “patrimonio de todos os galegos” e reclaman dos poderes públicos que actúen con “afouteza” e aposten decididamente pola normalización lingüística.

Te puede interesar