vigo

Manuel Puga colle o relevo de Zulueta de Haz na Penzol

Manuel Puga, nas portas da fundación en Vigo.
photo_camera Manuel Puga, nas portas da fundación en Vigo.

Os problemas de saúde do seu antecesor precipitaron a decisión do padroado que se reunió esta semana. Alfonso Zulueta de Haz foi nomeado presidente de honra 

nnn  O padroado da Fundación Penzol, que reuniuse o xoves na Casa Galega da Cultura, elixiu un novo presidente debido ós problemas de saúde de Afonso Zulueta de Haz que leva un tempo imposibilitado para desenvolver o seu cargo. Tamén acordaron programar as actividades do novo ano e dar conta das realizadas en 2016. 
Ante a situación de Zulueta de Haz, o Padroado, por unanimidade, elixiu para o seu relevo a Manuel Puga Pereira (Redondela, 1951) quen agradeceu a confianza depositada na súa persoa e quixo ter unhas palabras de recoñecemento ó seu predecesor. Na súa intervención transmitiu que para el era unha honra, pero tamén un motivo de preocupación por ter o desafío de estar á altura dos anteriores presidentes e da institución.
Manuel Puga é licenciado en Ciencias Biolóxicas e Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor en Ciencias. A súa vida profesional desenvolveuse nos primeiros anos na USC para despois incorporarse ó mundo industrial onde foi Director xeral dos Laboratorios Farmacéuticos ICI-Farma e AstraZeneca. No ano 2006 é nomeado Presidente do Consello Social da USC, cargo que desempeñou ata 2014, e consecuentemente membro do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da ACSUG ou do comité de honra da Fundación Camilo José Cela. Foi presidente da Fundación Galicia-Empresa (2002-2007) e preside dende 2014 a Academia de Farmacia de Galicia e a Fundación Julián Francisco Suárez Freire. Dende 2014 forma parte como Vogal Profesional da Comisión Avaliadora da ACSUG no eido do coñecemento de Ciencias da Saúde. E tamén é conselleiro da Editorial Galaxia. Escribiu múltiples artigos e tamén os libros Ernestina Otero: pedagoga, Redondela e Redondela e os redondeláns na obra de Diego San José. Tamén é autor da publicación das primeiras monografías de medicamentos en galego no Colexio Farmacéutico de Pontevedra.
O Padroado mostrou a súa satisfacción pola aceptación do cargo e acordou nomear a Afonso Zulueta Presidente de Honra.
A Fundación Penzol creouse en 1963 en Vigo coa idea de dotar a cidade dunha biblioteca que entón non tiña. O seu benfeitor, Fermín Penzol, doou o seu arquivo e biblioteca que co tempo se foi arrequecendo con outras achegas. Neste momento a Fundación Penzol conta con 45,000 libros impresos dende o s.XV, 160 libros manuscritos, 287 diplomas en pergameo e papel, 80 documentos de cartografía histórica, 150 metros lineais de documentos de arquivos e uns 2,500 títulos de publicacións periódicas dende o s.XIX. Situada na Casa Galega da Cultura, é punto de encontro de investigadores, alumnado e persoas interesadas pola cultura galega, pois esa foi a idea coa que se fundou e coa se segue traballando dende hai máis de cincuenta anos.Francisco Domínguez segue como Director da Penzol.n 
 

Te puede interesar