ADEUS A UN GRANDE DAS LETRAS

Loito e desolación en Galicia pola perda de Agustín Fernández Paz

O escritor Agustín Fernández Paz recolleu numerosos premios, como el Edebé de Literatura Infantil y Juvenil en 2005.
photo_camera O escritor Agustín Fernández Paz recolleu numerosos premios, como el Edebé de Literatura Infantil y Juvenil en 2005.

Morre en Vigo aos 69 anos o escritor con máis obras traducidas a outras linguas e que foi Premio Nacional

nn Loito e desolación no mundo das letras e do ensino en Galicia pola perda dunha das súas figuras máis destacadas, o escritor e mestre Agustín Fernández Paz, que faleceu onte no seu domicilio de Vigo aos 69 anos tras unha longa enfermidade. A súa despedida se celebra  as sete desta tarde cunha homenaxe no tanatorio de Pereiró.
Como un home “bó e xeneroso” define a Agustín Fernández Paz quen o coñeceu e da súa obra, centrada sobre todo na literatura infantil e xuvenil, falan os feitos: era o escritor galego vivo con maior número de obras traducidas a outras linguas, dende o inglés ao coreano, recibiu moitos premios entre eles o Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (2007) por “O único que queda é o amor” e mesmo fora proposto para o Nobel pola AELG. Outra faceta que onte lembraba o mundo da cultura foi o seu impulso e compromiso constante coa lingua galega ademáis do seu traballo de profesor onde soubo contaxiar aos nenos o amor pola lectura. Nado en Vilalba en 1947, Fernández Paz era Perito Industrial Mecánico e licenciado en Ciencias da Educación. Exerceu a docencia en Primaria e Seundaria en distintos centros, tarefa que compaxinou durante máis de 30 anos cunha ampla actividade cultural e divulgativa, e foi autor de máis de 50 títulos traducidos a moitas linguas. Tamén traballou un tempo no departamento de Política Lingüística da delegación de Educación en Pontevedra, onde coordinaba cursos de iniciación e perfeccionamento de galego para profesores.
 
Unha persoa moi querida
Nos últimos anos e ata 2008 traballou como profesor de Lingua e Literatura Galega en 4º de ESO no IES Rosais 2 de Vigo. No instituto lembran que era “un profesor extraordinario. Era un home bo e humilde, transmitía paz e os nenos adoraban as súas clases porque máis que as normas estrictas do idioma él púñaos a ler textos e de aí sacaba primeiro unha ensinanza para a vida e logo unha ensinanza lingüística”. Paradoxalmente, a árbore que plantaron no momento da súa xubilación no centro nunca floreceu. “Pero florecerá a súa figura e sobre todo a súa bondade persoal”, din eles.
Aínda que son moitos os que choran a morte de Fernández Paz en todo o mundo, onte había un sitio en Galicia onde o sentiron de forma especial: en Xerais, a editorial que publicou a súa obra. 
“Desde o proxecto pedagóxico de Xerais (ligado aos libros de texto e á asesoría didáctica) pasando polo seu asesoramento literario e á dirección e coordinación da colección Merlín (que constituíu un dos piares do florecemento da literatura infantil e xuvenil en Galicia), ata o seu incansable e recoñecida labor como escritor, que lle valeu numerosos recoñecementos en Galicia e no mundo, o papel que xogou Agustín Fernández Paz no crecemento estratéxico da editorial foi fundamental non só para Xerais senón para toda a cultura galega. Con Agustín Fernández Paz, Galicia perde non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude”.
As condolencias sucedéronse onte ao longo de todo o día, entre elas a do presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que gabou a súa maestría ao achegar a literatura aos máis novos. Rajoy expresou o seu pésame en Twitter, onde Agustín Fernández Paz converteuse en “trendic topic” da xornada.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o pesar do Executivo galego polo falecemento “dun dos autores máis coñecidos e valorados do ámbito da literatura infantil e xuvenil en Galicia e no conxunto de España”. Da súa traxectoria a Xunta destacou a súa extensa producción literaria e as distincións que obtivo.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, enviou unha forte aperta á familia do escritor, ao que cualificou como “unha das figuras fundamentais” das Letras Galegas  e a súa proxección internacional.
O ex conselleiro de Cultura e alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, engadiu unha mensaxe positiva: “teño a esperanza de que toda esa semente que plantou entre miles de lectores poida xermolar unha literatura ao nivel da que él deixou” e rematou dicindo que “estou seguro de que aí onde se atope estará co seu bolígrafo a escribir e deleitando”. 
Tamén expresaron a súa dor os grupos políticos da Comunidade.
 O PSdeG recoñeceu a súa contribución á literatura galega e o seu "compromiso" coa lingua. A través dun comunicado, os socialistas galegos sinalaron ó autor como "un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea" e destacaron a súa "xenerosidade". "Deixa un gran legado e unha forte pegada en varias xeracións de lectores en Galicia, ao seu traballo como escritor hai que unir sempre a súa faceta docente e pedagóxica", apuntan os socialistas galegos. 
O BNG salientou o compromiso de Fernández Paz coa lingua e coa cultura. Goretti Sanmartín dixo que “foi un referente para xeracións de escolares e para miles de persoas de todas as idades que gozaron das súas lecturas, das súas palabras como pedagogo e como mestre”. A Deputación de Pontevedra lamentou “a perda dunha figura imprescindible na literatura galega”.
Por último, a xunta de personal docente expresou onte o seu pesar e o seu agradecemento ao escritor pola "súa vida e a súa obra". Este colectivo destacou o seu "valor na defensa do ser humano" e o seu "compromiso pleno co ensino público" e a súa actitude "leal" coa lingua galega. "Agustín, é para nós unha honra compartir contigo a profesión docente. O teu exemplo é e será unha inspiración para as persoas que traballamos no ensino", concluíron. n
 

Te puede interesar