O vigués Chema Montero estrenou este mes na rede a súa ópera prima 'Polaroid' baseada nun relato do escritor santiagués

Un estudante de bacharelato leva ao cine a Suso de Toro

Chema montero
'Polaroid', interpretada por Aser Alonso, estreouse a comezos de mes na plataforma dixital www.filmin.es. É o primeiro traballo profesional do seu director, Chema Montero, un estudante de segundo de bacharelato de Grego e Latín con vistas a estudar Ciencias da Información 'como Amenábar', sinala.
Cinco minutos chéganlle para amosar a anguría dun home que só desexa desaparecer. Cun orzamento de 100 euros, percorre a soidade dun apartamento que se fai máis escuro e pequeno con cada plano e cada fundido dunha aposta polo cine de introspección.

Con 18 anos fixo realidade as imaxes que so vía na súa mente dende que leu o relato 'Polaroid' de Suso de Toro: 'Estudiámolo nun libro de texto na ESO, pareceume marabilloso e dende o primeiro momento imaxineime como sería a película', lembra Montero.

Coa intermediación dun profesor falou co escritor para usa-la historia nun guión: 'Sentíuse moi halagado e fíxolle moita ilusión; o primeiro que dixo cando víu o resultado foi 'arredemo', gustoulle por como reproducimos unha estética 'cutre-pop', sinalou o director. Inspirada polo relato de Suso de Toro, a proposta do vigués vai un paso adiante, xa que supón unha interpretación persoal, recreando un só parágrafo. Transforma en imaxes un diálogo do personaxe consigo mesmo que abre a porta á nada: 'Pregunteille a Suso de Toro que era a nada para el e contestou que unha claridade, polo que acabamos nun branco moi gris', sinala Montero, quen evita pronunciarse sobre o que para él é o final: 'Que teña feito a película non implica que saiba máis do seu significado, cada un debe deducir que liberación se atopa o home trala porta'.

Os plans para 'Polaroid' están claros: 'Presentareino a todo o que poida comezando polo festival de Cans, en O Porriño, aos Goya, penso que non chego', bromea Montero sobre a súa cinta, que en quince días recibíu case 200 visitas.

Te puede interesar