O Concello sacará á luz un texto inédito de Carlos Casares

vigo

En colaboración con Galaxia, repartirá 8.000 exemplares entre escolares da cidade para promover o seu coñecemento

a.baena. vigo abaena@atlantico.net
Publicado: 04 mar 2017 - 01:41 Actualizado: 05 mar 2017 - 02:13
Francisco Castro, durante o encontro de onte co alcalde.
Francisco Castro, durante o encontro de onte co alcalde.

Un texto inédito "ou case", segundo puntualiza o director de Galaxia, Francisco Castro, escrito por Carlos Casares, sairá á luz, promovido polo Concello. Así o goberno local únese á homenaxe do escritor a quen se lle adica este ano o Día das Letras Galegas. "Serán 8.000 exemplares que se repartirán entre os escolares para por en coñecemento o autor e nada mellor que facelo con Galaxia, editorial que dirixíu", anunciou onte o alcalde Abel Caballero, despois da primeira reunión mantida con Castro, dende que foi nomeado director. "Foi un encontro moi agradable que nos deu para falar de Casares e Vigo", calificou o editor.

O texto que divulgará o Concello foi un dos últimos escritos de Casares, en 2001, para unha publicación da Universidade de Vigo, pero que tivo moi escasa difusión entre o público, polo que o consideran prácticamente inédita. Baixo o título "Vigo: a man da xente", amosa a visión que da súa cidade adoptiva tiña o literato.

Para Caballero, esta iniciativa englóbase nunha dinámica de colaboración con Galaxia, a que considera como "algo máis que unha editorial, é parte da historia da cultura da cidade e de Galicia". Asemade, o rexedor fixo fincapé no compromiso de Galaxia co idioma e coa promoción de escritores en lingua galega.

Contenido patrocinado

stats