vigo

A cidade dará unha homenaxe a Zulueta de Haz pola súa entrega

Zulueta de Haz, inaugurando unha exposición da Fundación Penzol.
photo_camera Zulueta de Haz, inaugurando unha exposición da Fundación Penzol.

Cumpríu 90 anos e as fundacións nas que traballa ofreceranlle un recoñecemento o luns

  “Non hai nada máis agradecido na vida que poder traballar no que a un lle gusta, e todo o que fago tanto na Cultura coma cos discapacitados apórtame satisfacción”. Así Alfonso Zulueta de Haz expricaba onte para Atlántico Diario, o secredo da súa entrega constante ao traballo. Presidente da Fundación Penzol e vicepresidente da Editorial Galaxia recibe o vindeiro luns unha homenaxe  das fundacións do grupo e maila Sociedade de Estudios, Publicacións e Traballos (SEPT), a que tamén está moi vencellado.
No acto que terá lugar na Casa Galega da Cultura, faráselle entrega dunha placa conmemorativa polo seu 90 aniversario, que cumpríu o pasado 8 de maio. “Xa o mero feito de chegar esa idade é meritorio, pero ademais queremos recoñecerlle todo o que lle debemos dende a institución, pero tamén dende a cidade e dende Galicia”, asegurou Antón Vidal Andión, vicepresidente da Fundación Penzol e un dos promotores da homenaxe.
“Será un acto entre amigos”, sinalou Víctor Freixanes, director de Galaxia, que dirixirá unhas palabras en nome da editorial. Tamén falará Vidal Andión, pola Penzol; Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega, que intervirá en nome da Fundación Otero Pedrayo. Farán o propio Francisco Domínguez, pola editorial SEPT, e Xavier Martínez, pola Fundación Isla Couto. A celebración tivo que se adiar por problemas de saúde do homenaxeado, xa superados. Para Zulueta de Haz, este recoñecemento por parte dos seus compañeiros “é toda unha honra  cara a min e unha xenerosidade pola súa parte”. Cos 90 anos cumpridos asegura manter a ilusión por traballar, “por agora as neuronas están bastante ben”.n

Te puede interesar