BURGHARD BALTRUSCH Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo

“Cada un ten que decidir se quere que o galego forme parte da historia ou se quere conservalo”

O profesor Burghard Baltrusch da clase de portugués.
photo_camera O profesor Burghard Baltrusch da clase de portugués.

Burghard Baltrusch é director do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo e é unha das persoas que asinou a declaración conxunta das tres universidades galegas para alertar sobre a posibilidade de que o galego se converta nun idioma estranxeiro en Galicia. 

El é de orixe alemá, aínda que se criou en Portugal e leva máis de 20 anos vivindo en Galicia. “Falar ben galego e identificarnos coa cultura non depende da procedencia”, afirma.
Que esperan conseguir as universidades con esa declaración?
Esperamos concienciar á sociedade de que hai un problema. Cada un ten que tomar unha decisión sobre o que quere para este país, se queren pensar que o galego é algo que forma parte da historia ou queren conservalo.
 Cal é a situación?
A situación da lingua galega é complicada neste momento. Sufrimos co mal chamado decreto do plurilingüismo un certo retroceso da presenza do galego no ensino secundario, antes era a metade e agora moito menos, e temos moi poucas iniciativas a nivel institucional de apoio ao galego. Recórtase no ámbito da normalización, da cultura e os números da Real Academia mostran o retroceso.
Como foi ese retroceso?
Hai unha perda de falantes nativos, na franxa de nenos e adolescentes, e é o que nos ten que preocupar. Aínda que teñamos números máis positivos entre xente de máis idade, se non hai unha continuidade nos mozos o retroceso é inevitable. Se para moitos alumnos de Secundaria o galego pasa a ser algo así como unha lingua estranxeira temos unha mudanza de valores. Na contorna rural non existe tanto ese perigo, pero en contornas urbanas si.
Cre que a xente non valora o que supón ter e coidar un idioma propio? Depende todo dun decreto ou dunha norma?
A norma non é a clave, porque xa existe unha Lei de Normalización Lingüística que é totalmente suficiente e que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos no seu momento. O único que facía falta era desenvolvela na práctica, no día a día. O problema é o discurso político que existe ao redor.
En que sentido?
Se se empeza a decir que existe unha imposición, é unha cousa totalmente absurda. A lingua propia dun país imposta aos seus propios habitantes, é coma se dixese que o portugués é imposto aos portugueses. Nese momento créase unha conciencia distorsionada da propia situación cultural e lingüística. As persoas teñen que aprender que ter unha lingua propia dun país é un valor e que se o perdo entón perdo unha parte de mín.
Tamén se dixo que restaba tempo para estudar outras materias na escola.
Non é así para nada, até os 7 anos a un neno pódenselle ensinar moitas linguas en paralelo, un neno é unha páxina en branco e caben infinitas linguas, o importante é que as aprenda en termos fonéticos, que a escoite e aprenda a pronunciala. Canto máis vellos nos facemos máis difícil é aprender unha lingua. E o galego en termos de vogais e sons é unha lingua moi rica e tamén pola proximidade co portugués ofrécenos a posibilidade de inserirnos noutras cultruras diferentes e as súas variantes lingüísticas. Esa riqueza facilita a adquisición doutros idiomas, no caso do galego é obvio.
Que medidas propoñen?
O máis fácil é volver á Lei de Normalización Lingüística e desenvolvela, pero nós tamén pedimos a retirada do mal chamado decreto do plurilingüismo e volver á situación anterior na que o galego tiña unha presenza como mínimo dun 50% no Ensino Secundario. Montouse un falso discurso coma se houbese unha imposición. O dominio do castelán é moi alto en Galicia, non hai ningún perigo de que se perda, o que si hai é unha perda da lingua propia do país.
En que falla a Administración? Pode facer algo máis?
O que falla na Administración é asumir o galego como parte integral da cultura dun país. Asumir que ten que ser normal dominar o galego na Administración, nos medios, na sociedade e nas empresas, que se considere normal e positivo que teñamos que estudalo para dominalo, para falar, ler e entender.

Te puede interesar