xornal escolar

O IES Valadares, pioneiro no programa Abalar, conta cun amplo programa de actividades

Os alumnos nunha visita do escritor Manuel Rivas ao centro.
photo_camera Os alumnos nunha visita do escritor Manuel Rivas ao centro.

O IES Valadares foi un dos primeiros centros de Galicia  escollidos para poñer en marcha  o programa Abalar. Contan  na actualidade con 8 aulas Abalar para 1º e 2º da ESO nas que todo o alumnado destes cursos dispón dun portátil para cada un.  Tamén contan con dúas aulas de Informática, ademais de que todas as aulas dispoñen de ordenador, encerado dixital e canón de proxección. Na programación anual imparten dous grupos  de PMAR, programas de mellora do rendemento e da aprendizaxe, en 2º e 3º da ESO, agrupamentos específicos en 1º e 2º da ESO, grupos de reforzo nos ámbitos lingüístico e matemático, horas de apoio  do profesor de Pedagoxía Terapeútica, desdobramentos en 4ºESO en Lengua Castellana, Matemáticas e Informática para o antigo alumnado de PMAR e adaptacións curriculares para alumnado de 1º e 2º da ESO. Así como protocolo específico para alumnado con TDHA.
Contratos programa
O  IES Valadares participa en 5 contratos programa:
-Plan PROA: un profesor externo ao IES que en horario de tarde, dous días á semana, dúas horas cada día, en grupos de 1º, 2º e 3º e 4º apoia e reforza as tarefas de clase ao alumnado que máis o necesita, por dificultades académicas o económicas. 
-Plan de Mellora da Competencia Lingüística: plan destinado a mellorar as destrezas lingüísticas, orais e escritas, a través de actividades relacionadas coa creación literaria, especialmente coa poética, e coa  oralidade espontánea e planificada, monólogos, teatro e diálogos improvisados.
-Plan de Mellora da Competencia Matemática: xogos matemáticos.
-Plan de prevención do absentismo escolar: aula específica e seguimento persoal coa colaboración de educadores familiares do Concello de Vigo.
-Plan de Mellora da Convivencia: programa de acollemento de alumnado novo e xornadas de portas abertas, titorización dos máis pequenos, xunta de delegados e  recreos dirixidos.
Biblioteca
Dende este curso o instituto forma parte do grupo de centros co Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares. Iniciando estes últimos anos unha aposta firma por facer da biblioteca o espazo fundamental do centro e para iso contan cun equipo de biblioteca estable que recibe formación todos os cursos. 
A biblioteca convértese así nun espazo esencial  ao servizo dos procesos de ensino-aprendizaxe, nun centro de recursos da información que pon á disposición da comunidade educativa os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual, multimedia ou electrónico, e que ademais ha de actuar como elemento de compensación de desigualdades, aspecto este  último ao que lle dan moita importancia.
Ademais, profesorado, persoal non docente, nais e pais forman parte dun Club de lectura de adultos, a través do cal espallan o gusto pola literatura e por outras áreas do coñecemento.
 Condición indispensábel é o achegamento ás lecturas coa presenza dos autores e autoras ou roteiros literarios. Funciona tamén un club de alumnado que se reúne para gozar das lecturas en  obradoiros dirixidos por  escritores .
Idiomas
O IES Valadares é un centro con primeira lingua estranxeira o inglés e como segundas linguas estranxeiras o francés e o portugúes. Ademais en todos os niveis ofertan seccións bilingües, plástica, matemáticas, bioloxía e tecnoloxía. Para iso, contan cun profesor nativo  titulado, pertencente ao programa Fullbright, e unha profesora asociada nativa de portugués que realizan apoio académico nas aulas.
Este curso participaran nun intercambio para alumnado de 3º e 4º de francés cun colexio da localidade de Saint Jean de Soudain. E tamén participan  nun programa europeo e-twinning de intercambio virtual con institutos de Portugal. 
Alén das linguas estranxeiras, o  centro ten como obxectivo primordial fomentar o uso da lingua galega entre o alumnado,  coa finalidade de garantir que ao final da etapa sexa igualmente competente nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma e en concreto na lingua propia de Galicia.  
Actividades
Dentro do plan de mellora da convivencia o IES Valadares organiza nos recreos actividades dirixidas coa implicación dos distintos departamentos: competicións deportivas diarias de fútbol, baloncesto, voleibol, bádminton e pimpón;  xadrez e outros xogos de mesa na biblioteca e radio escolar.
Son numerosísimas as actividades organizadas polos departamentos para complementar a formación do alumnado. 
Actividades de teatro, música, museos, conferencias científicas, colaboración de escritores e poetas, xornadas de ciencia e tecnoloxía, plan Vigoeduca do Concello de Vigo, educación viaria e talleres de prevención das drogodependencias coa colaboración do Concello de Vigo.
Celebración e festas
O centro educativo celebra as festas do Magosto, Nadal, Entroido, Día da Paz, Día contra a Violencia de Xénero, Día do libro e Letras Galegas, Día de Internet Segura ou Safer Internet Day que na edición de 2017 se celebra baixo o lema “Be the change: unite for a better internet” / “Sé parte do cambio: Unidos/as por unha Internet máis segura”; moitas delas coa participación dos colexios de Educación Primaria adscritos actualmente ao instituto. Isto fará, no seu día, que o cambio do colexio ao instituto non sexa tan brusco, axudando á adaptación dos máis pequenos na etapa educativa de secundaria.
Como cren nun ensino que integre ciencias, letras e artes plásticas, o IES Valadades deseña actividades interdisciplinares que fomentan a creatividade e a curiosidade polo coñecemento. Por iso participan nos programas de mellora citados, montan exposicións de escultura, pintura, fotografía, gravado, arte efémera na natureza, cartelismo, concursos literarios, e obradoiros científicos. No centro destaca tamén o espazo "Cartafol de poesía"  e os vinilos que conforman o  "Paseo da fama" dedicado ás estrelas literarias que invitanse ao no centro, persoeiros coma  Manuel Rivas, Carlos Negro, Lucía Aldao, María Lado, Dores Tembrás o Manuel Portas;  ambos espazos  están situados á entrada do centro educativo.
Como remate dos cursos académicos celebran un festival de despedida para o alumnado de 4º da ESO no Centro Cultural de Valadares no que participa o profesorado , o alumnado e as súas familias. 
O IES Valadares organiza tamén as viaxes de fin de curso tanto para os primeiros cursos da ESO como para os últimos do ciclo académico. En 4º da ESO organízase a viaxe máis completa como fin de ciclo educativo de secundaria,  moitas veces ao estranxeiro coma Italia o Francia.
ANPA
Dende o inicio no ano 1999 a ANPA do IES Valadares colabora e participa na vida do centro educativo. Pensando que a colaboración das familias é fundamental na vida do instituto.
Na actualidade colabora na recadación de fondos para a viaxe de fin de curso de 4º da ESO e no intercambio con centro educativo de Francia. Tamén organizan as actividades dos luns ao mediodía: biblioteca para lectura e estudo e Obradoiro de Arte en Inglés co profesor nativo.
Formación do profesorado
O IES Valadares entende que unha ensinanza actualizada aos nosos tempos esixe unha constante formación e actualización do profesorado. 
O centro está integrado nun PFPP , Plan de formación permanente do profesorado, cos seguintes itinerarios:
-Itinerario 1: Integración das competencias no IES Valadares;  e Proxecto Lingüístico no IES Valadares.
-Itinerario 2: Emprego didáctico das ferramentas TIC; e Dinamización da biblioteca do IES. 
O centro participa en catro plans Proxecta de innovación educativa:
-Para 4º da ESO: O mundo que queremo.
-Para 3ºda ESO: Quérote+.
-Para 2ºda ESO: 365 días de respeto e igualdade.
-Para 1º da ESO: Conecta Culturas
Dúas profesoras de matemáticas participan no proxecto europeo ATS 2020, Assesment of Transversal Skille, sobre a avaliación das competencias dos estudantes. 
A finalidade deste proxecto eos cursos é avaliar as competencias mediante un portfolio dixital nas materias dos primeiros cursos da ESO e os últimos de Educación Primaria, así como estudar e elaborar modelos de aprendizaxe a través das TIC. 
O proxecto está composto por 17 socios de 11 países da Unión Europea.
Contorno
O IES Valadares está situado nun contorno natural privilexiado. Isto permítenos desprazarse facilmente até os montes veciños, Galiñeiro, Alba o Cepudo, para realizarmos actividades na natureza.
Por outra parte, e xa no interior do instituto, nos terreos que bordean as pistas ao aire libre a comunidade educativa goza de árbores, piñeiros, sobreiras que plantamos ano a ano e castiñeiros , mesas de madeira debaixo das árbores e paseos con herba.
 Un contorno eminentemente natural e saudábel para beneficio da comunidade educativa que pode disfrutar nos recreos e tempo libre da naturaleza no que está inmerso o citado instituto. 

Te puede interesar