xornal escolar

IES de Beade, un ensino público de calidade en Vigo

O IES Beade conta cun edificio principal de 6.000 metros cadrados en torno a un vestíbulo central.
photo_camera O IES Beade conta cun edificio principal de 6.000 metros cadrados en torno a un vestíbulo central.

O instituto, que cumpre 27 anos neste curso,  fomenta os valores democráticos, a tolerancia, o respeto ás normas e o diálogo entre tódolos membros da comunidade educativa

O IES de Beade é un centro de ensino secundario, que imparte os ciclos de Educación Secundaria e Bachallerato, e onde se fomentan os valores democráticos, a tolerancia, o respecto ás normas, así como o diálogo entre tódolos membros da comunidade educativa que forman alumno, profesores e padres de alumnos. 
O IES de Beade foi, no término municipal vigués, creado en 1988 para dar servizo de Ensino Medio as parroquias do  Concello de Vigo: Castrelos, Beade, Matamá, Zamáns, Valadares e Sárdoma, pola gran demanda veciñal de prazas escolares de bacharelato existente naqueles anos, chegando a funcionar a dobre quenda, en horarios de mañá e tarde, nos seus primeiros anos da súa existencia. 
Na actualidade, os centros de Educación Primaria adscritos ao IES de Beade son o CEIP Coutada-Beade, o CEIP Otero Pedrayo e o CEIP Sárdoma-Moledo, aínda que reciben alumnado doutros moitos centros da cida de Vigo.
Bos resultados
Desde a primeira promoción de alumnado formado integramente no centro, ano tras ano os resultados na selectividade foron amplamente satisfactorios, feito que fixo que este centro acadase unha das mellores cualificacións de todos os centros de Galicia o curso pasado.
Na actualidade, o centro atende a case 450 alumnos e alumnas, contando para iso con  máis de 40 profesores comprometidos coa  creación dun centro de ensino público de calidade, lema que se recordou na celebración dos seus 25 anos de historia como ideario fundamental do centro. 
Instalacións
A súa configuración arquitectónica de 6.000 m2 en torno a un vestíbulo central desde o que se pode acceder visualmente a todas as aulas, sen corredores, fan deste singular edificio un exemplo de claridade na súa organización interna: as aulas, dotadas con canóns de proxección, encerados dixitais, computador, acceso a internet e servidor interno, están adicadas ás materias a impartir, polo que é o alumnado o que percorre as súas instalacións nun espazo aberto que consta dunha claraboia cenital que ilumina con luz natural todo o vestíbulo central.  
Ademais, conta con diferentes aulas-taller como as de Debuxo, Tecnoloxía, catro laboratorios,  de Física, de Química, de Bioloxía e de Xeoloxía, e unha ampla Aula de Música. 
Contan, ademais, cunha gran biblioteca informatizada con máis de 13.000 volumes catalogados,  e con dúas aulas de informática completamente equipadas para a consulta do alumnado. 
Zona deportiva
Mención aparte merece o  ximnasio, conectado internamente cun pavillón deportivo que está a punto de ser remodelado para converterse, fóra do horario escolar, nun centro deportivo de referencia para toda a parroquia de Beade. Conta, ademais, cun  salón de actos con aforo para 300 persoas, e con iluminación e amplificación dixitais, que está enxeñosamente accesible desde o gran vestíbulo do centro, espazo onde se realizan as exposicións dos proxectos educativos.
Servizos
Posúe un  espazo adicado ao servizo de cafetería, con servizo de comidas cando hai clase pola tarde, pista deportiva exterior, xardíns e, como novidade, unha antiga vivenda do conserxe reconvertida en espazo creado para e por o alumnado, onde poden desfrutar de diferentes actividades e xogos cooperativos durante os recreos.
Centro adaptado
Este é un centro adaptado para persoas con mobilidade reducida, conectando os seus tres andares cun ascensor; ten aseo adaptado, mobiliario específico e ramplas nos lugares precisos para facilitar a mobilidade en  cadeira de rodas. 
Oferta educativa
O centro actualmente oferta os catro cursos de ESO, un Programa de Mellora da Aprendizaxe e o Rendemento (PMAR), e os dous cursos de Bacharelato nas modalidades de  Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais. 
Tanto en 4º de ESO como en Bacharelato, ofrécese ao alumnado unha ampla gama de materias optativas . Na actualidade, funcionan no IES de Beade  un total de catro seccións bilingües en lingua inglesa.
O IES de Beade aposta tamén e dunha maneira forte pola atención á diversidade do alumnado. 
Contan para iso co excelente traballo do noso departamento de orientación que, entre outras medidas, organiza:
- Agrupamentos específicos.
- Apoio en grupos reducidos e atención individualizada.
- Programa de identificación e intervención de alumnado con dificultade de aprendizaxe.
- Programa de identificación e intervención de alumnado con altas capacidades.
Actualmente,  o citado centro educativo  conta con sete liñas de transporte gratuíto desde distintas zonas da cidade ao instituto para a comodidade do alumnado.

Te puede interesar