Galicia recibe máis de 23 millóns para a mellora do sistema educativo

A Consellería de Educación da Xunta inviste máis de 13 millóns para reforzar a investigación, a internacionalización e a incorporación de talento ao Sistema Universitario de Galicia, pechado así o círculo de apoio á investigación universitaria excelente.
 

A comunidade recibirá tamén un total de 84.496 euros do Programa de Cooperación de Saúde Escolar.
A comunidade recibirá tamén un total de 84.496 euros do Programa de Cooperación de Saúde Escolar.
Galicia recibe máis de 23 millóns para a mellora do sistema educativo

Galicia recibirá un total de 23,62 millóns de euros para continuar desenvolvendo accións e programas de mellora da calidade do sistema educativo galego. Así o acordou o Consello de Ministros a petición do Ministerio de Educación, despois de ser consensuado coas diferentes comunidades autónomas na pasada Conferencia Sectorial de Educación. En concreto, un total de 12,3 millóns de euros irán destinados a seguir implantando novos ciclos de Formación Profesional Básica, mentres que para os novos itinerarios de ESO se reciben 8,12 millóns. Así mesmo, recíbense 732.733 euros para a posta en marcha de accións de calidade na Formación Profesional, e un total de 80.205 para a FP Dual. En canto ás probas de avaliación final de Educación Primaria, a partida ascende a 68.544 euros.
Axudas a libros de texto
A comunidade tamén recibirá 839.646 euros para libros de texto e materiais didácticos e outros 394.314 para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, a través de accións concretas tanto para alumnos como para profesores. En canto á partida de axudas a Confederacións e Federacións de Asociacións de Pais e Nais de alumnos, esta está dotada con 13.666 euros. Pola súa banda, do programa de Cooperación Territorial de Convivencia Escolar, Galicia contará con 84.496 euros, e do de necesidades específicas de apoio educativo, con 905.836 euros. Por último, a comunidade recibirá un total de 84.496 euros do Programa de Cooperación Territorial de Saúde Escolar.
Centros singulares
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recoñecer cinco centros singulares de investigación e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas, que constitúen os maiores motores da I+D+i no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia destinará máis de 13 millóns de euros ata 2019 a estas unidades de referencia do sistema galego de investigación co obxectivo de, por un lado, recoñecer o importante esforzo realizado no ámbito científico por estes entes e, por outra banda, para impulsar e fortalecer a súa capacidade de investigación, así como a súa posición internacional en base ao impacto que xeran os seus resultados. En concreto, son cinco as estruturas que reciben o selo de “centros de investigación singulares de Galicia”: o CIQUS e o CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o CITIC da Universidade da Coruña (UDC) e, por parte da Universidade de Vigo (UVigo), as unidades acreditadas son o CINBIO e o ECIMAT. En canto ao investimento, a primeira anualidade está dotada dunha contía máxima de 400.000 euros por centro.
, mentres que a segunda, terceira e cuarta ascenden a 800.000 como máximo.    
 
Pola súa banda, o CITIUS da USC e mais o AtlantTIC da UVigo foron acreditados como “agrupacións estratéxicas consolidadas”. A primeira anualidade está dotada con 200.000 euros como máximo e para os tres seguintes anos asígnanse 400.0000.
 
Proceso de avaliación
 
Cómpre destacar que estas axudas –cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional– se concederon tras un proceso de concorrencia competitiva en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva, valoran a calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar a obtención de retornos sociais nun prazo medio e longo.
 
Estabilidade financeira e benestar da sociedade
 
En total, a Consellería mobiliza máis de 13 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento cunha finalidade clara: recoñecer a excelencia das mellores unidades de investigación do SUG e garantir a súa estabilidade financeira a longo prazo.
 
Neste sentido, a Xunta financiará os seus proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2016-2019 para fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o liderado internacional da investigación galega, impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas –incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial– ou mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico. A maiores, tamén se busca contribuír á formación, atracción e incorporación de talento, incrementar a masa crítica de persoal de persoal investigador e actuar como axentes tractores do sistema galego de I+D+i.
 
Trátase, en definitiva, de contar coas ferramentas adecuadas para que as investigacións xeradas nos centros singulares ou nas agrupacións estratéxicas consolidadas acaben revertendo na sociedade, co fin de buscar solucións aos problemas dos cidadáns, reforzar e especializar os nosos sectores produtivos e aumentar, en definitiva, o benestar xeral da sociedade.
 
Apoio en todos os niveis de investigación
 
Con esta nova acción, o departamento educativo da Xunta de Galicia pecha o círculo de apoio á investigación universitaria, baseado en tres piares: a formación e retención do talento –a través dos contratos predoutorais, posdoutorais, de estabilización e mediante o respaldo a científicos excelentes dos programas do Consello Europeo de Investigación ou do propio Ministerio–; o financiamento estable a grupos de investigación ou o apoio, tamén a longo tempo, ás estruturas supragrupais do sistema.