xornal escolar

Educación pon en marcha o “Club de Ciencia”

As actividades do club desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado.
photo_camera As actividades do club desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado.

Un programa piloto para o fomento da investigación ten como obxectivo implantar accións concretas co fin de impulsar as vocacións STEM, Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas.
 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por primeira vez, o “Club de Ciencia”, un programa piloto de innovación educativa dirixido aos centros de Educación  Primaria, ESO e Bacharelato de Galicia.
A través desta convocatoria pioneira, cuxas bases poden consultarse no portal web http://www.edu.xunta.gal/portal/node/21144 , a Consellería seleccionará un total de dez centros educativos para que -en base á iniciativa que presenten- desenvolvan un proxecto concreto no ámbito da innovación, e para o cal recibirán unha achega de 1.200 euros.
A proposta do departamento educativo ten como obxecto incentivar que os colexios e institutos propoñan, deseñen e implanten accións concretas co fin fomentar a investigación, o desenvolvemento do espírito crítico, o impulso das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre o alumnado en xeral, e entre as alumnas en particular xa que, segundo diversos estudos a nivel nacional e internacional, están menos representadas nas carreiras científicas.
A creación dun “Club de Ciencia” pode proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumente o interese dos participantes por saber, cada vez máis, sobre diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación.
Estes clubs nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.
Nos centros seleccionados, o Club deberá estar constituído por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. As actividades do Club desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado, aínda que se establece un mínimo de catro horas ao mes, comezando a partir da concesión definitiva do proxecto ata final do período lectivo do alumnado durante este curso 2016/17. A convocatoria establece cinco criterios de selección entre os que destacan a calidade da proposta, a experiencia previa do centro en actividades semellantes e de innovación e o fomento da presenza de alumnas. O prazo para presentar solicitudes é de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria na portal web da nosa consellería.
Esta iniciativa enmárcase dentro da estratexia da Consellería de Educación de promover as vocacións STEM entre o estudantado galego, ao tempo que dotalos dos recursos e ferramentas necesarias.
 para o uso seguro da tecnoloxía.

Nesta liña cómpre lembrar que desde o curso 2015/16, e a proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO (132 centros ofertárona este curso, con 4.200 matriculados) e de Robótica en bacharelato (ofertada por 92 centros e con case 600 alumnos matriculados).

A impartición destas materias leva aparellada a dotación de equipamento específico, como son os novos kits de Robótica educativa, Placas de Comunicación e Impresoras 3D, cos que a Consellería está fornecendo á maioría dos IES de Galicia, unhas ferramentas de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar, non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as devanditas materias de libre configuración autonómica.

Así mesmo, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia. 
 

Te puede interesar