día de galicia

O PSOE combatirá a "resignación" que mantén o PP

Cancela, Figueira e Lastra, durante o acto do PSdeG en Rianxo.
photo_camera Cancela, Figueira e Lastra, durante o acto do PSdeG en Rianxo.

Os socialistas galegos celebraron o 25 de xullo en Rianxo, aos pés do busto de Castelao

n n n O PSdeG fixo un chamamento ao "cambio de inquilino" en Monte Pío para que o próximo presidente da Xunta sexa un socialista, de modo que se poida combater "a resignación" e unha realidade "desoladora" que identifica en factores como "desigualdade, pobreza, exilio dos mozos e precariedade" no mercado laboral. Un ano máis, os socialistas galegos celebraron o 25 de xullo, Día de Galicia, na localidade costeira de Rianxo (A Coruña), aos pés do busto de Castelao. Este ano, a presidenta da xestora galega, Pilar Cancela, estivo acompañada pola vicesecretaria xeral do PSOE, a asturiana Adriana Lastra.
Cancela e Lastra, xunto á secretaria xeral de Rianxo, Mari Carmen Figueira, realizaron a tradicional homenaxe coa ofrenda floral á figura do autor de "Sempre en Galiza", de quen Lastra reivindicou que "construíu parte do discurso do socialismo español". Tamén Cancela lembrou a idea de Galicia que el encarnou, "digna e cun autogoberno forte", dentro dunha España "federal, profundamente solidaria".

reivindicacións
Ante a presenza de tres persoas que por agora mostraron a súa disposición a ser candidatos para as primarias do PSdeG, e ante outros deputados e cargos orgánicos da formación política, a presidenta da xestora socialista trouxo a colación varios dos debuxos de Castelao para ilustrar a defensa dunha sociedade "xusta e igualitaria". Servíronlle para reclamar un país no que non haxa "pobreza infantil" e onde os mozos poidan atopar un proxecto de futuro. "Galicia é moito máis que unha paisaxe (...) é unha forma de estar no mundo", proclamou.
No seu discurso, cargou contra a dereita "que inventa amnistías fiscais ilegais e anticonstitucionais", e apostou por atacar os "graves problemas" do actual sistema tributario. Tamén avogou polo diálogo social e a reindustrialización, cunha industria que ao seu xuízo está a ser "vendida aos poucos" polo presidente do Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo. Como "alternativa" ao PP, apuntou á "honestidade, exemplaridade, transparencia" e loita contra a corrupción do PSdeG, que ve no idioma galego o "primeiro e máis importante elemento vertebrador" da identidade de Galicia.
Así, apelando a un espírito "fraternal" e ao proxecto "unido" máis aló de personalismos, Pilar Cancela terminou a súa intervención exclamando unha "viva o PSdeG" e outro "viva Galicia". n 

Te puede interesar