Escritor e xornalista que ven de publicar a súa 'Memoria Gráfica' na editorial Bolanda

“Cumprín o consello de blanco amor de non profesionalizar a miña vocación'

O escritor, pensador, xornalista e editor Xosé Neira Vilas, na súa casa de Gres.
Nombre
Xosé Neira Vilas.
Lugar y fecha de nacimiento
Gres (Val do Ulla) 1928.
Formación
Escritor, xornalista e editor.
Puesto actual
Membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e Medalla Castelao.
Na biblioteca da Fundación Xosé Neira Vilas en Gres (Vila de Cruces) o autor de 'Memorias dun neno labrego', a obra máis traducida e vendida da literatura galega, dita a Reyes un texto sobre Cuba no que anda mergullado. Ven de publicar 'Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica' na editorial Bolanda, onde repasa nunha fermosísima e coidada edición a súa traxectoria vital e literaria e non ten parada. Malia a ter xa 85 anos, quédanlle folgos para seguir escribindo e lendo. Neira Vilas non conduce. Apuntouse a clases na Arxentina, pero deixouno: 'Decateime de que se conducía tiña menos tempo para ler neses longos traxectos de Buenos Aires'. Durante a conversa érguese da silla máis dunha ducia de ocasións para atender ao teléfono ou para buscar algún papel. A súa memoria é tan prodixiosa como a forza da súa escrita. Dende a casa natal de Gres lembra á emigración, os anos en Arxentina, en Cuba é o retorno coa súa dona Anisia, unha cubana filla de emigrantes ourensáns que xa faleceu.



Cómo abrollou o proxecto?


Un día apareceu por aquí o cineasta Pablo Iglesias coa proposta de Antonio Couto, da editorial Bolanda, de recoller a miña vida en cen fotografías. Entre el e unha sobriña escolléronas, ademáis de engadir caricaturas e retratos que me fixeron Laxeiro, Seoane... Pedíronme que escribise tamén unha autobiografía de urxencia. Dividimos o libro en catro partes: os primeiros vinte anos, Arxentina, Cuba e retorno. O libro armouse en dous meses e medio. Unha cousa incrible de rapidez e tamén de presencia.



Por qué emigrou?


Os 16 anos vin nun xornal un anuncio dun curso de contabilidade por correspondencia. Non sabía que era iso, pero fíxeno. Traballaba a terra cos meus pais e ao rematar empregueime nun aserradero. Pagaba nónimas, levaba as contas... Dalgunha maneira era un privilexiado, pero quería seguir estudando. Intentei conseguir traballo en Santiago, na Coruña, en Vigo, pero non atopei nada. Así que decidín marchar como moita xente. Aquí non había nin libros e con 20 anos embarquei cara Buenos Aires. Alí descubrín un mundo extraordinario.



Soñaba con ser escritor?


Sempre me levou idea. Xa de pequeno escribía obriñas de teatro. En Buenos Aires coa miña dona Anisia, unha cubana filla de emigrantes ourensáns, fixemos Xornalismo mentres traballaba polo día, creamos a editorial Follas Novas e cando triunfou a revolución cubana decidimos marchar. Ofrecéronme todo tipo de postos relacionados coa escrita, pero non os aceptei. Recordaba un consello de Blanco Amor, que me dixera: 'Nunca profesionalices a túa vocación. Traballa no que sea e escribe logo o que queiras. O arte de escribir ten que ser para ti un placer e non unha obriga'. E cumprino. Entrei a traballar no Ministerio de Industria en Cuba.



Luís Seoane, Díaz Pardo, Rafael Dieste, Laxeiro, Blanco Amor... Son moitos os persoeiros xigantescos que aparecen nas fotografías do libro. Quen o marcou máis?

Con quen tiven máis proximidade foi con Luís Seoane. Era un home polo que pasaban dous ou tres libros pola súa man todos os días.



Esperaba o éxito de 'Memorias dun neno labrego', ambientado no rural?


Sorprendeume moito. Non me esperaba que tivese tanto éxito nin que se fagan tesis doutorais... Está traducido a 17 ou 18 idiomas e levánse publicado 700.000 exemplares. Balbino ou 'Memorias dun neno labrego' desbórdame, pero tamén é certo que impide que se coñezan outros libros meus.



Cánto tempo tardou en escribilo?


Foi posiblemente o libro máis fácil. Escribino en tres meses nun café do barrio porteño de Villa Urquiza. Traballaba nunha empresa de imortación de madeiras, facía as xestións bancarias e cando remataba metíame nese café. Chamábase La Vieja Viena e pertencía a Constantino, un galego. A Evencio, o camareiro que me atendía, leíalle o que escribía, aínda que non entendía gran cousa.



Quedoulle ou quédalle algo por escribir?


Queda moito. O peor que lle pode pasar a un escritor é ter un bó instrumento pero non ter nada que decir. A mín sóbranme ideas. Teño catro ou cinco temas pendentes. Incluso teño por publicar un libro que aínda non llo din a ninguén sobre Isaac Díaz Pardo, no que inclúo a correspondencia. Empecei tamén un libro sobre galegos que se chama 'Semente galega en América', na que destaco en textos cortos a moitos persoeiros como o que fundou o corpo de bombeiros de Buenos Aires.



Vexo que ten varios retratos con Ernesto Che Guevara e lin que tivo moito contacto con el na etapa de Cuba. Como eran el e Fidel Castro?

Era un home extraordinario e de gran humanidade. Naquelas marchas larguísimas compartía ate os anacos de laranxa. A Fidel Castro trateino menos.



Vostede retorna a Gres coa súa dona logo de ceder a casa dos seus país para facer unha fundación que permite o acceso á cultura a nenos do rural. Non pensou en instalarse nunha cidade ou vila algo máis grande?

Manuel Reimondez, o gran médico, montou unha consulta ao pé da casa que naceu e non en Santiago. Paco Lareo tamén volveu á aldea. Manuel María vivíu toda a súa vida nunha aldea e logo mercou un piso na Coruña. Un día díxome que el o fixera mal e eu ben. Vivín cuarenta e pico anos en grandes cidades e logo retornei. El fixo o contrario.

Xornalista, escritor, pensador, editor... Como se define vostede?


Fun moitas cousas ao longo da miña vida pero dende o ponto de vista da vocación son escritor e tamén esencialmente son xornalista. Gústame comunicar e contar cousas.


Cambiou Arxentina por Cuba cando triunfou a revolución e traballou no Ministerio de Industria. Cómo se define ideolóxicamente?
Pois son un home de esquerdas, pero non pertenzo nin pertencerei a ningún partido. Digamos que son un galeguista, se cadra nacionalista, pero nacionalista moderado que non pretende a separación como quere facer Mas en Cataluña. Propoñería un sistema federal, con máis autonomía.

Que pasará en Cuba cando falten Fidel e Raúl Castro?
De Cuba dinse moitas barbaridades. Non pasará nada especial. Está habendo unha transformación e uns cambios e non caerá o mundo. Hai renovación continua, malia que hai xente que fai moito o ridículo falando do que non sabe.

Somos conscientes de todo o que lle debemos á emigración?
A Cuba principalmente, pero a América en xeral, debémoslle as 310 escolas que se fundaron en Galicia. Os emigrantes compraban os terreos, pagaban a construcción dos edificios, pagaban o salario dos mestres, o mobiliario e o material escolar. Incluso mandaron máquinas de escribir e de coser a aldeíñas que nunca tal cousa viran. En 1919 fíxose un censo entre os mozos que ían ao servizo militar e no Concello de Viveiro ocurría o que non pasaba en toda Europa. Non había nin un só analfabeto nunha época terrible gracias ás 16 escolas que levantaron os emigrantes cubanos.

Un home de esquerdas como se define ten o nome de Manuel Fraga na porta da casa...
(Ri) Porque inaugurou a fundación. A mín non me estorba.

Cre que Feijóo ten menos sensibilidade co galego que Fraga?
Non creo que Fraga tivera unha sensibilidade moi especial; só que era moi intelixente e vía o galego dende un ámbito cultural e político. El era de falar castelán porque pasou á infancia en Cuba; Feijóo, en cambio, é dunha aldea e creo que era galegofalante de rapaz. Dende o punto de vista persoal, paréceme que o galego de Feijóo é máis auténtico e espontáneo que o de Fraga.

Cómo é un día normal de Xosé Neira Vilas?

Érgome as sete e media, fago exercicio na bicicleta estática, tomo un pouco de jalea real e un café; leo a prensa, dúchome, termino o almorzo e comezo a traballar. Na comida hai que seguir un consello dun médico cubano, que decía que no prato ten que haber o maior número de colores posibles. Logo de xantar, volvo ao traballo e paso un anaco pola fundación. Creo que este é o único centro cultural no rural en toda Galicia e non é algo para aledarse. Deitome as once da noite.

Por certo, por que ten sobre a mesa uns zoquiños?

(Rise) Useinos eu cando tiña dous anos. Deilllos a Isaac Díaz Pardo para o museo de Sargadelos e cando todo se veu abaixo pedínllos. Agora un amigo estalle dando grasa para ablandalos. Fixóos meu avó Santiago Vilas, que era un gran zoqueiro. Tería un ano e medio cando os puxen por primeira vez.

Continúa sen utilizar o ordenador para escribir?

Utilizo unha vella máquina de escribir porque non podo perder dous días aprendendo a usar o ordenador. Escribo a máquina e logo Reyes, a bibliotecaria, axúdame a pasar os textos a ordenador. En Arxentina fun a clases de conducir, pero deixeino porque era tempo que perdía para ler nos traxectos tan longos de Buenos Aires.

Onde foi vostede máis feliz, en Arxentina ou en Cuba?

En Cuba. Calquera persoa que vaia de aquí quere volver. É un pobo tan cariñose, afable e modesto... O vínculo entre Galicia e Cuba é moi importante. Follas Novas publicouse por primeira vez na Habana, en Cuba naceron o himno a bandeira e a Academia Galega. Cuba non é a miña segunda patria, é a miña patria paralela.

Te puede interesar