vigo

Os peixes anxo ananos axudarán a entender a biodiversidade

Peixe anxo anano en Christmas Island.
photo_camera Peixe anxo anano en Christmas Island.

investigadores de vigo, de Estados Unidos, Xapón e Australia participan nun proxecto do campus do mar

nnn “O noso traballo constitúe unha avaliación sen precedentes dos procesos de especiación, hibridación e introgresión nos ecosistemas mariños e os resultados que academos permitirán comprender mellor os procesos evolutivos e ecolóxicos que manteñen a biodiversidade mariña e os patróns xerais da evolución molecular”. Así describe a investigadora do Campus do Mar, Iria Fernández Silva, responsable da liña de Xenómica Mariña, o proxecto de investigación que acaba de iniciar, un traballo para o que acaba de recibir unha axuda do Programa Estatal de Fomento da Investigación Científica e Técnica de Excelencia de 60.000 euros. Baixo o epígrafe Especiación e hibridación en peixes mariños: combinando estudos de xenómica, ecoloxía e comportamento fronte ao cambio global, o proxecto corre a cargo dun equipo pluridisciplinar que inclúe investigadores das universidades de Vigo, Berkeley (EEUU), Ryukyus (Xapón), Curtin (Australia) e da California Academy of Sciences, onde Fernández, investigadora do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade, veu desenvolvendo a súa actividade nos últimos anos como beneficiaria dunha bolsa Marie Curie. “Imos empregar unha metodoloxía de investigación punteira, na que a xenómica se combina con estudos de ecoloxía e comportamento”, explica, que fai tamén fincapé na importancia de estudar estos procesos “para entender como se xera a biodiversidade e aprender a protexela”. O obxectivo é estudar en peixes mariños a especiación, “proceso evolutivo polo que se forman novas especies, xeralmente a partir dunha soa que se fragmenta”, e a hibridación, “cando dúas especies xeralmente próximas entran en contacto e se reproducen entre si”. Para elo estudarán un complexo de peixes anxo ananos (xénero Centropyge) que viven nos arrecifes de coral do Índico e Pacífico.
 

Te puede interesar
Más en Escaparate