atletismo

Tradición atlética polo San Xoán

Máis de seiscentos corredores tomaron a saída onte na Praza do Rei para rematar na do Berbés.
photo_camera Máis de seiscentos corredores tomaron a saída onte na Praza do Rei para rematar na do Berbés.

Gonzalo Basconcelo e Ester Navarrete revalidan a vitoria do pasado ano na sempre rápida proba con 601 atletas

Noite de tradicións. San Xoán é unha xornada meiga dende tempos inmemoriais. Un día de ritos que se repiten ano a ano. Lume, fogueiras e sardiñas a prezo máis ou menos alto. Tamén, no aspecto atlético, ten o seu particular guión coñecido. É o día de correr e facelo rápido na Carreira Nocturna de San Xoán entre a Praza do Rei e o Berbés. Trazado con moitos metros costa abaixo, que favorecen o ritmo alto. Para non modificar esta secuencia das cousas, nos resultados compre manter tamén as tradicións. Deste xeito, gañaron os mesmos que o pasado ano e que estaban en todos os prognósticos: Gonzalo Basconcelo e Ester Navarrete. 
A viguesa marcha pola cuarta vitoria seguida nesta proba, mentres que o corredor céltico suma a segunda. Como é habitual na carreira feminina, a agora representante do Barcelona apenas atopou oposición e cruzou a liña de meta con máis de tres minutos de renda sobre Ana Alonso, segunda. Completou o podio Vanesa Villar. 
Entre os homes, a proba tivo máis emoción. Basconcelo superou por oito segundos a Daniel Bargiela, que un ano máis cumpriu coa súa tradición de estar preto da vitoria sen conseguila, e terceiro rematou Rubén Pereira. 
Por detrás, un total de 598 atletas cubriron ós 7.700 metros da proba co seu mellor ritmo e tamén con certos padecementos polo calor. De feito, algúns atletas tiveron que recibir asistencia médica ó rematar a competición. 
Tras repoñer forzas e pasar pola correspondente ducha, moitos deles aproveitaron a noite e a fogueira para unir un San Xoán atlético coa tradición do lume, as herbas, os 280 quilos de sardiñas e a maxia do Berbés. A carreira é tradición como tamén é celebrar o solsticio de verán neste punto da cidade entre o porto e a zona vella. Un lugar histórico de Vigo.n

Te puede interesar