terceira división

O Barco ten salvavidas

Alberto Suárez tenta golpear o balón coa cabeza nunha acción do partido de onte en Santa Mariña.
photo_camera Alberto Suárez tenta golpear o balón coa cabeza nunha acción do partido de onte en Santa Mariña.

O equipo ourensán, cun gol de rexeite, suma a vitoria ante un Choco errático no remate

O Choco creou máis ocasión, moveu máis o balón e, en resumo, fabricou máis xogo e máis perigo que o seu opoñente, o Barco, pero errou unha e outra vez ante a portería de Pepelu Villar e a formación de Valdeorras chegou nun par de ocasións e gañou o partido nunha acción con unha dose importante de sorte.
No inicio do partido tivo o equipo local dúas opcións de gol con pase atrás sen rematador e o tanto foi para o conxunto visitante. Javi González rexeitou mal un balón, que quedou a pes de Iván Argos e cedeu a Ivi Vales. O extremo golpeou co defensa enriba, o balón petou no local e desviouse en dirección contraria á inicial. Cortegoso incluso chegou a tocar, pero foi imposible sacar o esférico. 
O gol visitante atordou ó Choco uns minutos e, xa no cuarto de hora final do primeiro tempo, o encontro entrou nun guión coñecido e previsto. Ataque constante dos xogadores de Marcos Montes ante unha formación visitante que apenas saía do seu terreo de xogo. O tempo de lecer serviu para afondar nesta situación. Mitogo quedou na caseta e Cassio meteu máis contención á medular dos visitantes. Dende o primeiro minuto, o xogo foi un ataque continuo do Choco ante un Barco atracado no seu campo. Como un auténtico transatlántico amarrado no porto situáronse os xogadores visitantes. Nin unha soa ocasión no segundo acto. 
Ante esta situación de partido, Marcos Montes pronto fixo o tres cambios para situar a Caloi como pivote e refrescar o ataque con Félix e Antón Escobar por Marcos e Ricar. O canteirán tivo o gol no primeiro acto, pero o disparo marchou fóra. 
A pesar da defensa extrema da formación visitante, o Choco tivo capacidade para crear perigo, pero toda a habilidade amosada na elaboración estaba negada no remate. A ocasión máis clara foi por banda esquerda nunha combinación de Óscar 'Chiqui' con Félix. O remate, sen oposición, ía por debaixo do porteiro, bateu no cu e saíu por enriba do longueiro. Despois errou Antón Escobar un remate claro dentro do área e o partido morreu no ataque dun Choco que está coa pólvora mollada. Problemas de definición que afastan ós redondeláns da zona alta.

Choco:
Cortegoso, Yago Vazquez, Lucas, Javi González (Caloi, min. 52), Lucas, Rubén Comesaña, Alberto Suárez, Marcos (Escobar, min. 60), Gabi Misa, Antón Vilas, Óscar Castellano 'Chiqui', Ricar (Félix, min. 60). 
Barco:
Pepelu Villar, Sito Cruz, Isi, Cristóbal, Omar Navarro, Alberto Rodríguez 'Peli', Ivi Vales, Jesús Sánchez 'Niles' (Diego Tato, min. 66), David Álvarez, Mitogo (Cassio, min. 46), Iván Argos ( Rely Cabral 'Raly', min. 63). 
Gol:
0-1, min. 18: Ivi Vales.
Árbitro:
Adrián González. Amosou cartón amarelo a Marcos Pérez por parte do Choco e a Isma Quevedo e Sito polo Barco. 
Incidencias:
Partido xogado no campo de Santa Mariña ante, aproximadamente, 400 persoas. 

Te puede interesar