rugby división de honra b

As margaridas floreceron

Maka Tatafu, que anotou dous ensaios, carga contra un rival nunha acción do partido de onte nas Lagoas.
photo_camera Maka Tatafu, que anotou dous ensaios, carga contra un rival nunha acción do partido de onte nas Lagoas.

O Kaleido Vigo supera ó Durango para afastarse do descenso directo e apunta á promoción

As Lagoas tiña charcos e barro. O verde confundiase co marrón escuro co paso dos minutos, pero nos fondos e os carreiros do campo floreceron as primeiras margaridas tras moita choiva e vento. Como a tempada do Kaleido Vigo, un buraco profundo durante varios meses ata o crecemento no final do inverno con catro vitorias seguidas ante rivais directos. A de onte, ante o Durango, o seu perseguidor, que xa non o pode alcanzar na táboa. Os pupilos de Norm Maxwell aseguran finalizar o curso, como mínimo, na antepenúltima praza polo que, salvo catástrofe, xogarán a promoción de descenso e, no mellor dos casos, incluso obterían a salvación directa. Pero para sabelo toca esperar. 
Onte, nas Lagoas, o enfrontamento durou media hora no referente á vitoria. Despois quedou a loita polos detalles menores. Nunha saída con ritmo notable, o Kaleido Vigo anotou cinco ensaios nunha exhibición de xogo de continuidade e mando do partido a través da dianteira. O tongano Tatafu anotou dous ensaios, por outros dous do piar Emilio Brizuela que, dende a súa chegada, o Kaleido Vigo deu un paso adiante nas fases estáticas. Completou a conta Javi Abadía. 
Cun 33-0 á media hora de xogo, o enfrontamento quedaba visto para sentenza. Quedaban por definir os detalles. O Durango loitou e loitou para sacar un punto bonus por catro ensaios ó final do partido. O lograron coa idea de poder adiantar ós vigueses na última xornada, pero perderon a opción nos puntos totais. Cairon por 28 e gañaron na primeira volta de 27. O Kaleido Vigo non baixará da penúltima praza aínda que perda ante o pechacancelas, o Oviedo.
Por contra, aínda pode subir unha posición porque está a dous puntos do filial do Salvador. Para facelo debe superar ós asturianos e que o Ourense gañe en Valladolid. Algo posible porque os ourensáns veñen de superar ó segundo, o Bathco Santander. 
En todo caso, o Kaleido Vigo goza dunha situación de privilexio tras catro vitorias seguidas. Nestes intres, xogaría a promoción contra formacións procedentes de rexional. Non obstante, aínda pode descender de xeito directo, algo complicado que pasa por que Burgos non chegue á final polo ascenso e Hernani descenda. Tamén pode librar ata a promoción, se Burgos sube de xeito directo e Hernani non descende. En todo caso, tocará esperar ó rematar o curso, pero as margaridas adornan As Lagoas.n

Te puede interesar