NATACIóN

Dez quilómetros non son nada

Varias ducias de espectadores seguiron o final da competición dende a praia do Vao.
photo_camera Varias ducias de espectadores seguiron o final da competición dende a praia do Vao.

Un Atlántico en calma facilita o traxecto entre Rodas e O Vao coas vitorias de Juan Carlos Ríos e Ana González 

Un océano Atlántico en absoluta calma facilitou onte ós nadadores cubrir o traxecto entre a praia de Rodas e a do Vao no Desafío Islas Cíes, que tivo como gañadores ós ceutís Juan Carlos Ríos e Ana González Díaz. 
A proba comezou ás 10:00 horas coa saída do grupo máis lento dos catro nos que estaba dividida a proba dende o areal das Illas Cíes. En total, tomaron a saída 140 participantes, que atoparon unha xornada idónea para cubrir os 10.000 metros que separaban o arquipélago do areal da parroquia de Coruxo e, deste xeito, ás 13:30 horas comezaron a chegar os primeiros nadadores á terra firme. 
Na categoría masculina, Juan Carlos Ríos asinou un tempo de 2 horas 30:46 para vencer a competición con 39 segundos de renda sobre o vasco Mikel Mangas. Pola súa banda, pechou o podio Julio López. 
Entre as mulleres, a competición estivo menos igualada e a ceutí Ana González Díaz gañou con moita claridade, xa que obtivo unha renda de case vinte minutos sobre a segunda clasificada, María Ortega. Unha diferenza notable. 
Non obstante, cubrir a proba converteuse nun desafío importante para moitos dos competidores xa que a longa distancia desta travesía sempre presenta numerosas dificultades. Deste xeito, unha ducia de participantes tiveron que abandonar a competición sen chegar a pisar o areal do Vao. Non obstante, ningunha das retiradas foi por causas graves, senón que limitáronse a problemas físicos.
Entre todos os que completaron o percorrido tivo especial mérito o último clasificado, o deportista paralímpico Álex Ferradás, que tardou 4 horas e 41 minutos en cubrir os dez quilómetros que separan Rodas do Vao. A súa chegada foi a máis aplaudida polos espectadores que acudiron ó final da competición. De feito, poder chegar ata o areal de Coruxo foi toda unha vitoria para unha persoa con serios problemas de mobilidade.

20150829220925294

O nadador discapacitado Álex Ferradás foi o último en completar a competición. 

20150829220911764

Voluntarios e membros da organización seguen ós nadadores.

20150829195643589

Juan Carlos Ríos, o gañador, contento tras rematar a proba. 

Te puede interesar