SEGUNDA DIVISIÓN B

O Coruxo ten máis dun problema

Un penalti con expulsión de Campillo fulmina ó equipo do Vao ante un Rápido superior que volve á cuarta praza

Silva trata de controlar o esférico ante a mirada de dous rivais.
Silva trata de controlar o esférico ante a mirada de dous rivais.
O Coruxo ten máis dun problema

Un equipo sabe o que fai, ten claro como facelo e lévao adiante. É o Rápido de Bouzas. O Coruxo, polo menos onte no Baltasar Pujales, non amosou capacidade nin convicción. Non se pode falar dun problema de actitude, como acostuma a dicirse dos equipos da zona baixa, foi de xogo, de sistema e de execución, que se agravou pola inocencia de Campillo, xogador con experiencia que onte volveu ó equipo tras dous encontros de sanción e que actuou coma un xuvenil durante a primeira metade. Dous cartóns e expulsión con penalti. Dubidoso, ata igual non era, pero nunha acción intranscendente cando o balón, nunha falta lateral, quedou a máis de quince metros da posición do lateral e o seu par. 
Antes do gol que desequilibrou o empate inicial, xa era mellor o Rápido de Bouzas –que volve á cuarta praza de promoción de ascenso– que o seu veciño. Máis adaptado ó campo, alternou o xogo en longo dos primeiros minutos para despois, cando o ataque 'verde' pasou a desaparecer por completo, tamén apostou polo toque. O plan de xogo local parecía sinxelo, pero eficaz. Mediante velocidade ou combinación, a idea consistiu en facer chegar o esférico ós pés de Diego Diz e Carlos Pereira en ataque. Dous xogadores de pase e desequilibrio. O primeiro realizou unha primeira metade boa e intelixente. Deitado cara a banda dereita, desbordou para sacar dous centros nas primeiras intervencións e despois meteuse unha e outra vez cara o medio para ter o balón e poñer en problemas ó Coruxo. 
Kaxe non resolveu no área nunha das accións de Diz e pasado o ecuador da primeira metade, o dianteiro vasco rematou alto un centro dende banda dereita. Por parte do visitante, o ataque apenas existiu. Varios disparos dende lonxe, que non atoparon portería e un intento de Silva, que atallou Brais sen excesivos problemas. 
Neste contexto de partido, baixo mando do Rápido, chegou a acción chave no encontro. Unha falta lateral sen perigo ó primeiro pau. Alí foi despexada pero o substancial pasou no segundo, onde o árbitro observou que Campillo suxeitou ó seu par. Non o dubidou, sinalou unha pena máxima que transformou Sielva con solvencia e que deixou ó Coruxo en inferioridade. Segundo cartón amarelo para o defensa do equipo de Rafa Sáez.
Tiña que mudar moito o seu xogo o equipo do Vao para trocar a dinámica do partido. Tentouno durante moitos minutos da segunda metade pero a sensación era que o que estaba a piques de chegar era o segundo gol local. Os visitante incluso pasaron a xogar con dous dianteiros, ós que enviaron numerosos balóns longos. Todo sen perigo, mentres que o Rápido chegaba con transicións ó área de Brais Pereiro. Fallou Cristian, tamén Carlos Pereira e Kaxe pechou o partido a falta de once minutos cando Pedro García picou de 'culler' nunha fermosa asistencia por enriba de dous opoñentes. O dianteiro rematou con suficiencia e o Rápido rachou a xeira negativa de cinco xornadas sen gañar cun único gol. Onte meteu dous ante un Coruxo que continúa na promoción de descenso e que precisa mellorar moito para manterse. Onte foi baixa Mateo, por problemas cervicais, e o seu ataque foi inoperante. A vindeira semana, os verdes reciben ó descendido Cerceda.

Rápido de Bouzas: 
Brais, Adri, Andrade, Colo, Cristian, Caballero (Sielva, min. 61), Yago Pérez, Deivid, Carlos Pereira (Javi Sánchez, min. 71), Diego Diz (Pedro García, min. 73), Kaxe.
Coruxo: 
Alberto, Campillo, Pablo Crespo, Pazó, Pablo García, Yebra (Mario, min. 15), Antón, Fernando (Álex Arias, min. 76), Rafa Mella, Higón, Silva (André Osterholm, min. 76).
Goles: 
1-0, min. 40: Sielva, de penalti; 2-0, min. 79: Kaxe. 
Árbitro: 
Diego Váldez Díaz. Expulsou por dobre cartón amarelo a Campillo (min. 39). Amonestou a Andrade, Diz Yago Pérez; Adrián Pazó e Silva.