terceira división

O Choco volve á mellor versión ante o Vilalonga

Marcos Pérez, que marcou un gol, disponse a golpear o esférico no partido de onte.
photo_camera Marcos Pérez, que marcou un gol, disponse a golpear o esférico no partido de onte.

O equipo de Redondela golea con tantos de Marcos Pérez, Óscar 'Chiqui' e Lucas

Tardou en aparecer o mellor Choco da tempada pero apareceu onte sobre o céspede artificial de Santa Mariña para golear ó Vilalonga nun partido completo dos xogadores de Marcos Montes, que encadearon ocasións. 
O equipo local fíxose co balón dende o comezo do partido e probou en varias ocasións a Álex Sánchez ata que Marcos Pérez abriu o marcador pasado o cuarto de hora de partido. O extremo Óscar 'Chiqui' desbordou por banda, cedeu a Félix e o mediapunta tocou para a chegada de Marcos.
Con renda a favor, o Choco amosouse aínda máis cómodo e controlou o partido sen esquecer de resolver o enfrontamento. Pola súa banda, o Vilalonga apenas creaba perigo e Cortegoso, que regresou tras dous partidos mancado, foi un mero espectador do encontro durante moitos minutos. 
Xa no segundo tempo, o Choco resolveu o enfrontamento. Gándara enviou o esférico ó longueiro na primeira ocasión da reanudación e na seguinte foi Óscar 'Chiqui' o que enganchou un fermoso puntapé dende a frontal do área que entrou pola cruceta da portería de Álex Sánchez. 
Dous tantos de renda para o Choco parecían unha diferenza suficiente para o conxunto redondelá, pero pouco despois chegou o terceiro gol. Nesta ocasión, foi nun saque de curruncho, que rematou de volea no medio do área o central Lucas Fernández ante a pasividade do equipo visitante.
Quedaba media hora de partido, que transcorreu sen novidades en Redondela máis alá do fume que chegaba ó campo pola vaga de incendios da xornada de onte e que afectaron tamén o municipio da 'Vila dos Viadutos'. 
A formación visitante, a pesar de ter tres goles de desvantaxe, apenas chegou ás inmediacións da portería de Cortegoso. Soamente tivo un disparo a falta de oito minutos, que non atopou portería. Creou moi pouco. 
Tras a vitoria de onte, o Choco sumou sete puntos nos tres partidos desta semana e deixa a zona de descenso a catro. Unha situación máis cómoda para o equipo de Marcos Montes, que tivo un mal inicio de curso pero que parece recuperar sensacións. A vindeira semana visitará o campo do Arenteiro.n

Te puede interesar