ISMAEL RAMOS NOVO PREMIO DE POESíA JOHáN CARBALLEIRA

“Temos unha das mellores poesías da península e premiala non é ningunha inconsciencia”

Isamel Ramos gañou onte o Johán Carballeira con “Fillos da Fame”.
photo_camera Isamel Ramos gañou onte o Johán Carballeira con “Fillos da Fame”.

 Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é un dos 'novísimos' da poesía galega que, malia ter recoñecida a súa voz literaria con varios premios, entre eles os Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, seguía coa súa obra espallada por revistas. Agora, este poeta afincado en Noia verá publicado o seu primeiro libro, “Fillos da fame”, co que onte, sábado, conseguía o Premio de Poesía Johán Carballeira, que dende hai 18 anos concede o Concello de Bueu. “O premio está moi ben pola dotación económica e por ser un recoñecemento o meu traballo, pero o que máis ilusión me fai é que se vai editar e vai haber lectores”, confesa.
Se publicar é difícil, moito máis cun xénero como a poesía. Ten que haber un premio que avale a un autor para facelo?
Eu valoro todos os premios, sobre todo polo mérito de pór cartos na cultura galega. É unha valentía, pero no caso da poesía non é ningunha inconsciencia porque temos unha das mellores poesías contemporáneas da Península, por no dicir a mellor.
O xurado salientou os valores poéticos d'Os fillos da fame por beberen da mellor tradición da poesía internacional.
O que pode ter de internacional o poemario non é tanto a materia en si mesma como a formulación estética. Está ambientado nunha zona concreta da xeografía galega. Supoño que o xurado se refire a que ten moitas referencias indirectas á poesía internacional, xa que a min pésanme moito as influencias norteamericanas.
No poemario inclúe voces poéticas de autores galegos. A quen podemos atopar?
Hai versos citados directamente de Celso Emilio Ferreiro, María do Cebreiro e Xohana Torres. Intentaba falar dunha liña que está moi presente na nosa poesía. É un libro, por exemplo, onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente... como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria.
Este libro supón algún tipo de ruptura co que viña facendo?
É unha conciliación co que viña  publicando en moitas revistas e no blog (in-ter-ferencias.blogspot.com.es).
No publicado até o de agora, vese esa influencia da poesía angloxasona, como Louis Glück, Philip Larkin e mesmo podería evocarse a Malcom Lowry. Aquí, di vostede, é máis galego.
Máis galego no que atinxe a temática. No tratamento non hai ruptura estética. Hai imaxes que continúan. É un libro sobre a familia, que é un tema que me obsesiona, sobre a fame, a rabia... Non é un libro que saíse de repente; é o resultado dese traballo previo e esta é a primeira proba do resultado. Esperemos que haxa máis! n

Te puede interesar