vigo

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, Premios Xerais

Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, cos seus premios, onte na illa de San Simón.
photo_camera Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo, cos seus premios, onte na illa de San Simón.

Os prestixiosos garladóns recaíron nesta edición en tres nomes con longa traxectoria literaria

 Os Premios Xerais, considerados os máis prestixiosos da literatura galega, racharon coa tendencia de anos anteriores ao escoller os xurados tres obras de autores que xa contan cunha longa e consolidada traxectoria: o vigués Santiago Lopo, merecente do Xerais de narrativa na súa 34 edición pola novela “A arte de trobar”; María Canosa, Premio Merlín de Literatura Infantil por “Muriel”, e Manuel Lourenzo, novo Premio Jules Verne de Literatura Infantil por “Ceiba de Luz”. O galardón, en cada unha destas categorías, está dotado con 10.000 euros.
O fallo deuse a coñecer na tarde de onte no decurso dunha gala literaria que, como xa ben sendo tradicional, se celebrou na Illa de San Simón.
Da obra de Santiago Lopo, “A arte de trobar”, presentada baixo o lema “Bennu”, o xurado salientou a súa factura. “Un artefacto literario que sobrancea pola plasticidade da súa escrita e que se caracteriza por un ritmo áxil e unha trama sorprendente”, explica na súa acta. “Bennu aproxímase á novela de aventuras e ao tempo, abrangue o referente cultural dun período histórico esplendoroso para a cultura galega, o século XIII”, engade.
A novela gañadora do Premio Xerais “constitúe tamén, e sobre todo, unha intensa reivindicación do mundo das trobairitz e pon en valor a todas esas mulleres que a historia esqueceu”.
Santiago Lopo é profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e iniciouse profesionalmente traducindo guións cinematográficos. Cotraduciu ao galego, xunto a Xavier Queipo, dúas obras do escritor francés Hervé Guibert e, como narrador, publicou “Game Over” (2006), VI Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia; “Peaxes” (Xerais 2009, seis edicións); “Hora zulú” (2012), XXIV Premio de novela García Barros; “A Diagonal dos Tolos” (2014), VIII Premio Narrativa Breve Repsol; e “A voz das nereidas” (2016), relato.
Manuel Lourenzo (Vilaboa, 1955), gañador da novena edición do Jules Vernes, é un recoñecido escritor, ensaísta e autor de teatro, con preto de 30 títulos publicados e numerosos premios, entre eles o Xerais de novela por “O xardín das pedras flotantes” en 2008 e Premio Merlín en 2003 por “Irmán do vento”. Agora, convértese no primeiro escrito en facer 'triplete' nos Xerais ao alzarse co Jules Verne —o último que lle faltaba— con “Ceiba a Luz”, libro que narra unha expedición arqueolóxica á Amazonía. A obra engaiolou ao xurado polo seu “manexo dos recursos narrativos, por unha perfecta dosificación da intriga, pola viveza dos diálogos, pola evolución psicolóxica dos personaxes e tamén pola vizosidade das descricións, que espertan os sentidos das persoas lectoras e que as insiren no ambiente, por veces abafante, da selva amazónica”.
María Canosa (Cee, 1978) é profesionalmente enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e unha cara moi coñecida da televisión pola súa participación como experta nos concursos “Cifras e letras” e “Verbas van”, da TVG. Como escritora, conta cunha extensa obra narrativa infantil e xuvenil. Xa fora finalista en dúas ocasións do Premio Merlín, que agora por fin acada na súa 32 edición con “Muriel”. “A historia que decidimos premiar é orixinal, sedutora, nela cada palabra conta, pois é esa a súa esencia, a das palabras, a das que se din e a das que se calan. É tamén un canto á imperiosa necesidade da cor. E todos sabemos, desde que fomos á escola, que no branco se concentran as cores todas”. 

Santiago Lopo, Novo Premio Xerais de Novela

“Quería traer de volta a lírica galaico-portuguesa e aos trobadores”

Santiago Lopo (Vigo, 1974) confírmase como unha das voces actuais máis relevantes da narrativa galega.


Que significa para vostede este premio?
É un soño cumprido, porque dentro de Galicia é o principal premio literario e case todos os escritores queren gañalo.
“A arte de trobar” transcorre no século XIII.
A historia narra o percorrido dunha troupe de artistas orixinarios de Galicia que percorren os camiños da Europa do século XIII, unha Europa na que hai persecucións relixiosas e loitas de poder moi fortes.


Que buscaba reflectir nesta obra? 
Quería traer de volta aos nosos días a época da lírica galaico-portuguesa, dos trobadores.


Hai moito labor de documentación detrás desta novela?
A documentación foi bastante ardua porque tiven que realizar moitas pescudas e ler manuscritos en latín e occitano. Ao ser eu profesor de francés axudoume bastante.


É un xeito de reivindicar a literatura trobadoresca, e máis neste ano en que vai chegar a Vigo o Pergamiño Vindel?
Certamente. É un san obxectivo que chegue o pergamiño e esperemos que serva para que a novela teña éxito.


O xurado salientou a reivindicación das trobairitz (mulleres trobadoras).
Do mundo dos trobadores sempre nos lembramos dos homes. As trobairitz provenzais si que foron recoñecidas na súa época. É bonito que poidamos recuperar a súas cantigas para a época actual.


En “A arte de trobar” podemos atopar amor cortés ou hai máis de escarnio e maldizer?
(Risas) Podemos atopar as tres e tamén as cantigas de amigo e cantigas provenzais. 

Te puede interesar