FRANCISCO CASTRO Presentou o seu último libro “Iridium”

“Hoxe non se pode escribir unha novela protagonizada por mozos sen redes sociais”

Francisco Castro, onte, na presentación do seu libro.
photo_camera Francisco Castro, onte, na presentación do seu libro.

Francisco Castro presentou onte na Casa do Libro o seu último libro, “Iridium”, unha novela de literatura xuvenil que ten sido ben acollida tanto por adultos como pola mocidade.

Castro foi quen de compaxinar o seu cargo ao fronte de Galaxia co labor de escritor e de aí xurdíu unha historia chea de intención, onde os protagonistas son unha moza con dano cerebral adquirido e o ‘malote’ do instituto.

Logra concentrar en pouco máis de cen páxinas todo un universo de sentimentos, sensacións e relacións. Foi intencionado?
Está narrada en primeira persoa porque quería englobar toda a historia. Hai moitas cousas que non contei, porque pretendo que sexa o lector quen as supoña. Por exemplo soluciono en dúas páxinas o enfrontamento das nais, do que podería ter escrito ata dez.
Unha das claves desta novela é a forza dos personaxes. Que representan Iris e Mario?
“Iridium” trata da mirada dos outros. Non é casualidade que Iris sexa unha raiña en Instagram, que é a rede da imaxe. Iris ten problemas, pero o que más lle amola é o paternalismo con que a trata todo o mundo despois do seu accidente. O único que non o fai é outro raro, Mario. Ambos están etiquetados: Ela, polas secuelas da lesión cerebral y el, por pasar droga no instituto. Estaban condenados a entenderse.
E no medio do universo adolescente xorde un auténtico ‘pepito grillo’. Cal é a importancia do profesor de literatura?
É o adulto cómplice, quen dá o tirón de orellas cando é preciso, pero tamén impulsa ao mozo a superarse. Eu véxome reflectido en Mario e como tódolos que somos un pouco como el, sempre tiven a sorte de que algún profe víu en min no que destacaba. Para os adolescentes o mundo dos adultos é un disparate, por eso é tan importante esta complicidade, un referente que seguir. É tamén unha chamada de atención aos educadores, xa que o seu labor vai máis alá de impartir a materia.
As novas tecnoloxías están incluidas no estilo narativo e mesmo inflúen na súa estructura. Estase modernizando a literatura?
A día de hoxe non se pode escribir unha novela protagonizada por mozos onde non entren as redes sociais. Serían personaxes irreais. Gran parte do noso mundo xestiónase dende o móbil, por correo, por whatsApp, polas redes...
“Iridium” remata cun final aberto e cuns personaxes con moito potencial. Haberá unha segunda entrega?
Creo que os protagonistas sí que teñen moita vida. Non pensara nunha segunda parte, pero pode ser. Abordei a historia como unha fábula, o meu obxectivo é que fixera pensar e gústame as reaccións que está xerando. Unha lectora recoñeceume que descubrira que tiña prexuizos. É un fogonazo ás conciencias, un puñetazo no estómago, pretendo que cando rematen o libro, sexan outras persoas, que a rapazada descubra outro mundo.

Te puede interesar