GALICIA

Chus Pato defende o estudo da poesía no seu ingreso na RAG

A ourensá entrou no Otero Pedrayo escoltada por dúas escritoras, o que supón un "fito histórico"

Chus Pato disponse a ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega da Lingua, no paraninfo do Otero Pedrayo.
Chus Pato disponse a ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega da Lingua, no paraninfo do Otero Pedrayo.
Chus Pato defende o estudo da poesía no seu ingreso na RAG

nnn A poeta e profesora Chus Pato (Ourense, 1955) converteuse onte na sexta voz feminina do plenario actual da Real Academia Galega (RAG), coa lectura do seu discurso de entrada "Baixo o límite" no paraninfo do IES Otero Pedrayo, institución da que foi alumna. O salón de actos quedou pequeno para recibir á primeira muller ourensá na RAG. Máis de 200 persoas encheron este espazo durante máis dunha hora e media para arroupar á ourensá nun día "cheo de ilusión", no que significou  a volta ao instituto onde fixo o seu ingreso "morta de medo con só nove anos". 
Chus Pato defendeu, nun discurso no que misturou con elegancia a poesía, a linguaxe e a filosofía, o uso do poema como "un dos medios que o idioma usa para sobrevivir" e pediu á sociedade que eduque á infancia na arte poética, para que os xóvenes poidan desenvolver esta paixón a través de estudos superiores "se así o desexan", pedindo a instauración de cátedras desta materia, "que sirvan como altofalante a poetas xa consagrados, dándolles aos máis novos a posibilidade de recoller o seu herdo". 
 A nova académica adicou as súas primeiras verbas a Xohana Torres, falecida recentemente. "Á súa mestría, ao seu ronsel, encomendo as miñas palabras", recitou Pato, quen reivindicou que a súa cadeira sexa ocupada por outra muller.
A poeta reflexionou sobre a creación poética e os seus límites nunha intervención que serviu como orientación á lectura da súa obra,  a través da voz, a fala, a escritura do poema, a metáfora e mesmo o poema como "resto ou ruína". 
 Pato deleitou a académicos e público con referencias aos clásicos da filosofía e ás propostas de autores como Jean-Luc Nancy e Giorgio Agamben, e rematou o emotivo acto recordando a "sorte" que supón ocupar a cadeira na que sentaron sobranceiros como Xosé Fernández Ferreiro, "ao que me une a ribeira do Miño, terra do meu pai"; Francisco del Riego, " quen soubo abrir as portas da Academia aos galegos, as galegas e ao mundo"; Florentino L. Cuevillas, "tan presente na memoria desta cidade", ou Carré Aldao, un dos fundadores da RAG e "editor exemplar". 

“INESQUECIBLES"
A nova académica numeraria considerou "inesquecibles" a tres das súas mestras no Otero Pedrayo, quen lle deron leccións "que se gravan para sempre a fogo no corazón e na lembranza", sen deixar tampouco a un lado a outros como o que fora seu mestre, Xesús Ferro Couselo, quen a encubriu ante a policía franquista, ou Xosé Luís Méndez Ferrín, "quen me confirmou a miña vocación de aspirante a poeta", alá polo 1986. 
O académico Francisco Fernández-Rei respondeulle en nome da RAG, destacando a Pato como "unha das figuras poéticas máis innovadoras e de maior proxección internacional" na poesía galega contemporánea. O discurso de Fernández-Rei louvou esta "poesía universal", abordada desde "a problemática sociopolítica das xentes de Galicia", dunha autora que "pertence á estirpe das que elixen o risco de afondar máis alá dos límites,que coñece o perigo das marxes".

MÁIS MULLERES
Victor Freixanes, director da RAG, que presidiu por primeira vez unha cerimonia así, fixo entrega a Pato da medalla da corporación tras sinalar o simbolismo do ingreso, que demostra "o esforzo" da RAG para incorporar a máis mulleres. Tamén destacou a "fermosura" de que, por primeira vez, unha académica fixera a entrada escoltada por dúas mulleres, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, un "fito histórico".
Freixanes enxalzou a acollida de Chus Pato como un "gran impulso" para as letras galegas e para a incorporación da muller como parte activa "a todos os ámbitos", recordando un labor "iniciado por Rosalía". Non esqueceu unha mención especial a Ourense, unha cidade que "significa moito na literatura galega", como berce da Xeración Nós.
 No acto estiveron o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que destacou " a carga de intensidade" do discurso; o deputado de Cultura, Manuel Doval, quen sinalou que a "ourensanía que nos mantén firmes" volve estar na RAG; así como o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e representantes políticos e culturais. n