MARÍA SOLAR XORNALISTA PRESENTOU “OS NENOS DA VARÍOLA”

“Ao dar os datos dos personaxes reais son escrupulosa ata un punto maníaco”

María Solar, na presentación de onte na Feira do Libro.
María Solar, na presentación de onte na Feira do Libro.
“Ao dar os datos dos personaxes reais son escrupulosa ata un punto maníaco”

nnn  María Solar visitou onte a Feira do Libro, invitada por Galaxia, para presentar a novela en galego máis vendida do que vai de ano, a súa obra “Os nenos de varíola”. Aborda un feito real, trascendental para a Humanidade e xurdido dende Galicia. Sobre esta historia e as reaccións que espertou falou momentos antes do acto.
Agardaba unha acollida tan boa entre o público?
Cando escribes, nunca sabes como vai saír. Fíxena con moita ilusión, porque é a historia duns valentes. É literatura, pero baseada na realidade, nunha historia que non sei por que non damos difundido dabondo. É unha gran satisfacción que Galicia tivese que ver na erradicación da varíola, a única enfermidade que se venceu cunha vacina. Galaxia acaba de anunciarme  que van sacar a terceira edición. A acollida desbordoume realmente.
Que lle gustaría transmitir con esta historia aos lectores?
Na presentación de Bueu, unha médico deume as grazas pola divulgación deste tema. Dicía que é preciso lembrar a pelexa que tivo a mediciña coas vacinas, xa que hoxe moitos pais cuestionan a súa necesidade. Se non nos vacinamos, doenzas xa superadas, volverán. O primeiro que busco é que a xente goce da lectura e logo que quede un pose que leve a revalorizar o esforzo da ciencia e da investigación con logros vitais.
Como entrou en contacto coa trama na que se nota unha grande implicación persoal?
Na miña formación como bióloga contáronos como un médico descubríu que as mulleres que muxían vacas collían a enfermidade dos animais e logo quedaban protexidas ante o virus humano. Faláronnos de como dende España se levou a vacina á América a través dunha cadena humana, transmitíndoa cada dez días a un novo portador. Pero non nos dixeron nada no papel de Galicia e actualmente tampouco o explican nen en Bioloxía, nen en Mediciña, nen en Enfermería. Só souben da historia real, anos despois, en 2007, exercendo de xornalista. Entrevistei a dous investigadores que estudan a implicación galega. Entón, pensei que tiña que saberse.
No libro  recupera personaxes como Isabel Zendal ou médico Posse Roybanes. É un xeito de facerlles xustiza histórica?
O libro é unha novela sobre feitos reais. Hai personaxes que invento, onde cargo toda a acción coma os nenos, a irmá Valentina ou Candela, e outros que son reais, ao dar os seus datos son escrupulosa ata un punto maniático. Isabel foi  unha muller da que deberamos recuperar a súa memoria. A OMS considéraa a primeira enfermeira en Misión Internacional, o que pasa que naceu en Ordes, non en Alabama. Nen sequera se lle coñece polo nome auténtico. Existen máis de 30 versións do seu apelido: En Coruña adicáronlle a rúa Isabel López Gandalia e en México, nomearon o Premio Nacional de Enfermería Cendala Gómez por ela. En parte, esta confusión débese a Balmis, o director da expedición, que escribíu o nome de distintos xeitos. Nesta novela tento recuperar o que se sabe dela, que tivo un fillo de solteira, que coidou como adoptivo e co que viaxou no barco. O doctor Posse Roybanes sí que é un auténtico esquecido. Traballou en Coruña, era un médico moi avanzado. Foi o primeiro convencido na vacina e en 1801 púxolla ao seu neto de cinco meses. Traballaba no hospital da Caridade e axudou na expedición.n