'Chan das Pipas' inicia o sábado outro ciclo cinematográfico

Saxamonde proxectará o primeiro 'western' galego

Secuencia de 'Naipe de Sangue', estreada fai apenas un mes.
O Centro Social Deportivo e Cultural “Chan das Pipas” de Saxamonde inicia un novo ciclo que, baixo a denominación de “Cinema con Autor”, pretende achegar á parroquia parte da produción audiovisual galega xunto cos seus protagonistas.
Nun formato de cinema-coloquio, o Centro Cultural quere dar a posibilidade á poboación de conversar cos creadores do audiovisual galego ao tempo de ofrecer a oportunidade aos autores de contactar directamente co público.
Xa este sábado ás 20:00 horas comeza o ciclo coa proxección de “Naipe de Sangue”, a primeira metraxe dun novo xénero, o Grelos Western. “Naipe de Sangue” é unha historia de vaqueiros solitarios, vinganza e amor ambientados en Galiza e protagonizada por Silvia Superestar e Eladio Santos.
Estreada apenas hai un mes, Saxamonde contará coa posibilidade de conversar cun dos seus directores, Manxo Fernández.
Con esta actividade, o Centro Cultural “Chan das Pipas” sinala que quere reivindicar 'o espazo do rural redondelán como foco de cultura'.
A posición de extrema do concello convértese en centralidade xunguindo as vontades veciñais e planificando a súa oferta socio-cultural.

Te puede interesar