Un novo plan de mellora de bibliotecas escolares
xornal escolar
A iniciativa, dotada con preto de 1,3 millóns de euros para este ano, contempla recursos para a adquisición de diferentes
fondos documentais, renovación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento pasado curso.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180509/AnuncioG0164-300418-0008_gl.html ) a orde pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) en centros públicos non universitarios para o curso 2018/19, co obxectivo de incorporar outros 25 centros a este programa. Cómpre lembrar que no actual ano académico hai un total de 630 centros de ensino incorporados.
A través desta convocatoria, á que se destinan 1.275.000 euros, búscase seleccionar novos centros para a súa incorporación ao plan, así como apoiar a continuidade deste programa mediante a concesión de novas contías aos centros educativos incluídos en anteriores convocatorias. Cabe salientar que, a igual puntuación para entrar no programa, a Consellería primará os centros situados no rural.
As axudas para os centros de nova incorporación estarán destinadas á actualización e adquisición dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento e a súa adxudicación decidirase logo da análise das necesidades descritas na solicitude presentada, en función da maior adaptación aos criterios recollidos nesta orde (que se materializará na puntuación acadada pola memoria e programas presentados), e das características de cada centro (número de unidades e de alumnos e alumnas matriculados).
No caso dos centros públicos incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2007 poderán recibir asignacións para fondos para fondos; os que se integraran entre 2008 e 2010 recibirán asignacións para fondos así como para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2011 e 2016 poderán recibir contías para fondos; e os incorporados en 2017 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.
O plan de mellora procura incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, na que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plambe deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.
Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.
Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI. Entre os doce ámbitos de actuación definidos como desafíos do Plan LÍA, a Consellería de Educación segue a impulsar e reforzar a rede de bibliotecas escolares que precisa de actuacións continuadas para lograr avances na renovación das bibliotecas da totalidades dos centros, de forma progresiva.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Conflicto en Oriente Próximo
Trump anuncia el rescate del piloto desaparecido en Irán tras el derribo de su avión