Educación presenta o primeiro protocolo para alumnos con autismo
O estudo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino da comunidade e para as familias galegas, que axude a
orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación do alumnado con TEA.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou o primeiro Protocolo para o Alumnado con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) do sistema educativo galego, un documento elaborado en colaboración coas asociacións e colectivos implicados nesta diversidade, dada a importancia do traballo conxunto para acadar o maior éxito escolar posible destes estudantes. No marco da presentación, desenvolvida na Sala Eisenman, o conselleiro explicou que o protocolo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, que estableza o camiño que se debe seguir para unha actuación o máis temperá posible, percibindo os primeiros indicadores ou indicios de que algo non vai segundo o agardado; e que axude a orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación do alumnado con TEA.
Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade da cooperación entre familia, Administración e outras institucións que promove o documento; e no deber social que se impón á hora de responder ás necesidades de cada alumnos, dado que “a diversidade somos todos e todas”. Neste sentido lembrou que un dos compromisos máis importantes do departamento de Educación da Xunta é o da atención á diversidade, regulada mediante o decreto 229/2011, de 7 de decembro. “Unha normativa autonómica que nos fixo ser pioneiros no conxunto do estado”, lembrou, e que representou un salto cara adiante na atención educativa ao alumnado en contornos inclusivos. Sobre este decreto articulouse un sistema baseado na igualdade de oportunidades, pensado para desenvolver as potencialidades e promover a autonomía de cada alumna e alumno, no que existen espazos para a colaboración das familias e do conxunto da sociedade; aspectos nos que afonda o protocolo presentado hoxe para o caso concreto do TEA
Obxectivos
O protocolo presentado é resultado dun traballo multidisciplinario, que contou con participación de profesionais de ámbitos como a orientación educativa, os centros de educación especial e as entidades sen ánimo de lucro que traballan para mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e das súas familia. O obxectivo que se persigue con el é facilitar a detección do TEA e proporcionar a este alumnado unha atención educativa na que se implique o conxunto do centro e as familias en prol do maior e mellor desenvolvemento persoal e social do estudante. O protocolo articúlase en epígrafes, centrados no concepto do TEA a diagnose do mesmo, o tratamento educativo do alumnado con este trastorno, e o proceso de seguimento.
e avaliación. Finalmente achégase un pequeno glosario de termos ou conceptos utilizados ao longo do documento, referencias bibliográficas e tres anexos con documentos que poden servir de axuda como indicadores do trastorno, con probas específicas de screening e cun esquema que sintetiza ou orienta o percorrido que cómpre seguir ante a sospeita dun caso de TEA.
En definitiva, o Protocolo para o tratamento educativo do alumnado con trastorno do espectro do autismo busca ser unha ferramenta de uso para profesionais do ensino e para as familias, pretende establecer o camiño que se debe seguir desde a aparición dos primeiros indicios e procura, tamén, orientar a intervención educativa que se debe realizar por todas as persoas que participan na educación dese alumnado.
Diagnose
Ademais do concepto do TEA segundo o DSM-5 o protocolo facilita pautas de identificación do TEA, unha ampla relación de indicadores para que as familias e os propios centros educativos poidan distinguir – en diferentes idades- signos ou manifestacións do trastorno. Neste sentido os signos que o profesorado titor detecte deberán ser comunicados ás familias e á xefatura do departamento de orientación que, previo informe á familia, iniciará un procedemento para valorar a posible existencia de TEA.
A intervención do departamento de orientación centrarase no desenvolvemento do proceso da avaliación psicopedagóxica, segundo a normativa que a regula, e terá por finalidade identificar as necesidades educativas que puidese presentar un alumno ou unha alumna e poder fundamentar as correspondentes propostas, decisións e posibles derivacións. Neste proceso poderá colaborar o Equipo de Orientación Específico.
As conclusións da avaliación psicopedagóxica deben trasladarse ao informe psicopedagóxico, onde se concretarán as propostas de apoio e as orientacións para o centro, o profesorado e a familia. Así mesmo, deberán figurar aquelas axudas e/ou recursos que un alumno ou unha alumna precise para o seu desenvolvemento. Se a avaliación psicopedagóxica confirma a sospeita de indicadores de TEA, trasladarase á familia a conveniencia de que o neno ou a nena reciba atención por parte dos servizos sanitarios.
En calquera caso, e tal como indica o propio documento, nin a xefatura de departamento de orientación nin o Equipo de Orientación Específico poderán empregar terminoloxía referida a un posible diagnóstico ou adiantalo, dado que a diagnose é unha competencia médica.
Así mesmo o protocolo, como xa indica o Decreto de atención á diversidade, recomenda a escolarización con carácter preferente en centros ordinarios.
Tratamento educativo
O tratamento educativo do TEA que debe personalizarse, tanto en recursos como curricular e metodoloxicamente; e debe ser o resultado da sintonía, coordinación e colaboración entre o persoal docente, os servizos de orientación, a familia e, de ser o caso, os servizos sanitarios e as entidades sen ánimo de lucro e outras organizacións especializadas que participen na atención do alumno ou da alumna.
A intervención educativa deberá realizarse a nivel profesorado – todo o equipo docente deberá coñecer a situación do estudante-; da aula, favorecendo a máxima inclusión do alumno na mesma; e do propio alumno, para o que se dan indicacións concretas relativas á organización do traballo, o desenvolvemento de habilidades, o uso de sistemas de comunicación específicos, etc. Asemade o tratamento educativo terá que abordarse a nivel de centro, no referido a aspectos como os cambios de aula, a preparación dos recreos e das excursións, ou na identificación dos espazos mediante pictogramas, entre outras ferramentas.
A familia e as entidades sen ánimo de lucro relacionadas co TEA son os outros dous piares fundamentais para a intervención educativa, polo que o protocolo promove a colaboración e coordinación entre todos os axentes implicados no desenvolvemento persoal, académico e emocional do estudante.
Adaptación curricular
O protocolo sinala a necesidade de personalización da intervención educativa, que poderá facerse a través da adaptación curricular ou de medidas específicas de atención educativa. En todo caso, establécese que os axustes no currículo deben tratar de dar prioridade aos contidos que fan referencia aos aspectos comunicativos, xa sexan verbais ou non verbais, e ás competencias de tipo social; e promover aprendizaxes funcionais, encamiñadas a lograr a maior autonomía posible; introducir, no caso do alumnado que non posúe comunicación oral, a aprendizaxe dun sistema aumentativo/alternativo de comunicación.
Ademais, deberá prestar especial atención aos seguintes campos de intervención: comunicación, socialización, funcións executivas - atender, memorizar, razoar...-, coherencia central - pola dificultade deste alumando para extraer as ideas centrais dun texto, película...-, ou habilidades motoras.
Seguimento e avaliación
O deseño da atención educativa do alumnado TEA deberá considerar o seu seguimento e avaliación; o seguimento, para ir vendo se o seu desenvolvemento se axusta ao proxectado; a avaliación, para verificar se a atención foi adecuada e se produciu os efectos agardados e para analizar se proceden novas medidas e os elementos sobre os que deben articularse.
A este respecto o protocolo propón un seguimento a curto e medio prazo – diario e trimestral, respectivamente-, complementado por unha avaliación ao final de cada curso. Nesta fase final de seguimento da atención educativa deben participar todas as persoas que participaron nesa atención, así como a xefatura de estudos. Será esta quen convoque e coordine a reunión que deben manter todas esas persoas.
No referido á avaliación final o documento establece que deberá centrarse nos aspectos positivos, resaltando aquilo que o alumno ou a alumna é capaz de facer ou foi adquirindo, por pequeno que sexa, sen centrarse exclusivamente nas súas dificultades. Polo seu carácter vehicular para lograr outras aprendizaxes e pola súa incidencia na evolución do alumnado deberá incidirse especialmente na comunicación e na interacción social do alumno
A valoración do proceso educativo debe facerse, tamén, a nivel do propio centro educativo no seu conxunto, avaliando en que medida se dá a resposta educativa máis axeitada ao alumnado con TEA. En consecuencia, deben analizarse aspectos como: adecuación de espazos, organización de apoios, idoneidade do material existente, nivel de coordinación entre os diferentes profesionais que traballan con este alumnado, etc.
Compromiso coa atención á diversidade
Este novo protocolo enmárcase no compromiso coa atención á diversidade do alumnado que vén manifestando a Consellería de Cultura e Educación. Neste sentido cómpre lembrar que se está desenvolvendo unha ampla política de colaboración con moi diversas entidades en prol da atención á diversidade do alumnado con diferentes necesidades específicas (discapacidade visual, auditiva, etc), ao tempo que, no marco da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 ‘educonvives.gal’, se están elaborando protocolos específicos para atender situacións de alerta sanitaria e dar resposta a cuestións como a identidade de xénero.
Así mesmo, e de forma conxunta coa Consellería de Sanidade, no ano 2014 publicouse o primeiro protocolo integral a nivel autonómico arredor do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
Ademais de enmarcarse no Decreto 229/2011 de atención á diversidade e na Lei 4/2011 de convivencia e participación da comunidade educativa, o protocolo presentado hoxe dá cumprimento á Proposición non de lei aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 16 de setembro de 2015, mediante a cal “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a contribuír a mellorar a atención educativa que se presta no ensino galego ao alumnado con trastorno do espectro autista (TEA), a través da elaboración e difusión dun protocolo que axude ás comunidades educativas na aplicación das atencións e reforzos máis acaídos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar