Arranca o Recíclate con Sogama
Un total de 17 centros de primaria das catro provincias galegas foron elixidos, en base a uns criterios de selección previamente definidos, para participar no programa Recíclate con Sogama 2013-2014, aglutinando a máis de 1.300 escolares.
Trátase dos seguintes: pola provincia da Coruña, o CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, en Ferrol, o CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz, en Touro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, en Santiago de Compostela, e o CEIP de Escarabote, en Boiro; pola provincia de Lugo, o CEIP das Nogais, en As Nogais, o CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción, en Sarria, e o CEIP Santa María, en A Fonsagrada; pola de Ourense, o CEIP Vicente Risco, de Cualedro, e o CEIP Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras; e pola provincia de Pontevedra, o CEE Príncipe Felipe, de Pontevedra, o CEIP Plurilingüe Nantes, de Sanxenxo, o CEIP O Pombal, de Vigo, o CEIP Plurilingüe de Tirán, en Moaña, o CEIP de Atín-Cela, en Mos, o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, en As Neves, o CEIP do Foxo, en A Estrada, e o CEP Sabarís, en Baiona.
Recíclate con Sogama é unha iniciativa educativa de corte ambiental que se enmarca no Plan Proxecta da Xunta de Galicia e coa que se pretende formar ao alumnado na correcta xestión dos residuos urbanos, tanto nas aulas como nos fogares, dándolles traslado das boas prácticas contempladas polo principio comunitario dos tres erres e a través do cal se pregoa a redución, a reutilización e a reciclaxe como soportes básicos e esenciais do tratamento final do lixo producido
FORMACIÓN E APOIO
A partir de agora, os colexios adscritos ao programa promovido por esta Sociedade pública deberán desenvolver os seus propios proxectos, que en todo caso deben ter un fin común: separar correctamente os refugallos e depositalos nos contedores axeitados para posibilitar o seu posterior reciclado; unha tarefa na que non estarán sos, encargándose Sogama de asesoralos e proporcionarlles os medios necesarios, tanto materiais como formativos e de asistencia técnica.
É por iso que a empresa desenvolverá nos 17 centros un programa específico de formación a través da edición de guías didácticas, presentacións en power point e diverso material didáctico e divulgativo de apoio (folletos, carteis...), facilitando así a asimilación de conceptos e a resolución en tempo real de posibles incidencias.
Ademais, os centros serán dotados coas denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros cada unha (amarelo, para os envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; e verde xenérico, para a fracción resto) que se ubicarán nos patios ou lugares estratéxicos de paso para que alumnos e profesores introduzan nos mesmos os desperdicios producidos durante a xornada escolar.
En todo caso, do que se trata é de que os hábitos de selección do lixo se instauren na vida diaria da comunidade educativa e que se extrapolen igualmente ao ámbito familiar, dándolle desta forma continuidade.
Así mesmo, as escolas que dispoñan de servizo de comedor, poderán contar igualmente cun composteiro de 360 litros de capacidade para fabricar abono natural de alta calidade, apto para ser utilizado como fertilizante en hortas e xardíns do recinto académico.
Por parte de Sogama, e máis aló do soporte didáctico, realizaranse inspeccións periódicas da calidade do material depositado nos distintos contedores co propósito de comprobar o nivel de acerto e, en función dos resultados, afianzar ou corrixir determinadas prácticas. n
Contenido patrocinado
También te puede interesar