52 centros escolares galegos participaron este outono na English Week

A Consellería de Cultura e Educación multiplicou por catro o número de prazas para inmersión lingüística en inglés. A aprendizaxe de idiomas é unha liña estratéxica do Goberno galego para avanzar nun ensino público que xere máis equidade social e máis oportunidades.

Publicado: 25 ene 2017 - 01:00 Actualizado: 22 oct 2018 - 15:37
Estas estadías, que se fan por quendas dunha semana, son totalmente de balde para as familias.
Estas estadías, que se fan por quendas dunha semana, son totalmente de balde para as familias.

Un total de 1.125 rapaces de 52 centros escolares de toda Galicia participaron este outono na English Week, o programa de inmersión lingüística en inglés impulsado pola Consellería de Cultura e Educación co principal obxectivo de que o alumnado mellore as súas competencias nesta lingua.

A través deste programa, que é totalmente de balde para as familias, os rapaces pasan unha semana en réxime de internado nun campamento con profesores nativos en inglés e monitores, onde compaxinan as actividades formativas con outras de carácter lúdico (deportivas e culturais, entre outros). Por tanto, ademais das clases e das actividades, as estadías inclúen aloxamento e manutención de balde.

A Consellería de Educación multiplicou por catro o número de prazas ofertadas ao pasar das 300 do mesmo período do ano pasado ás 1.125 desta edición de outono que agora se ven de pechar. Estas prazas engádense ás outras 700 que se ofertan cada ano no período estival, e nas que os rapaces xa participaron durante o pasado mes de xullo.

Para tomar parte nestas estadías, a Consellería fai público cada ano unha convocatoria para que os centros soliciten a súa participación e para cuxa selección se establecen unha serie de requisitos entre os que se priman cuestións como os contornos socioeconómicos menos favorecidos e os centros do rural.

A English Week forma parte do conxunto das iniciativas postas en marcha polo departamento da Consellería de Educación da Xunta para reforzar a aprendizaxe de linguas, e que van dirixidas tanto a alumando como a profesorado e aos centros escolares. Nesta liña, no presente curso preto de 100.000 rapaces e rapazas teñen acceso a un ensino plurilingüe; e máis do 75% dos centros sostidos con fondos públicos nas etapas de ensino obrigatorio participan nalgunha acción de fomento do plurilingüismo.

Isto é posible grazas a que, de cara ao novo período escolar, se amplían as liñas contempladas no Plan de Potenciación de Linguas Estranxeiras como son os programas de inmersión en linguas estranxeiras, os centros plurilingües, as seccións bilingües, os auxiliares de conversa, e os programas de formación do profesorado.

Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén da Xunta de Galicia de resolver a convocatoria do Plan Proxecta para o curso 2016/17, no que 90.939 alumnas e alumnos (un 7% máis ca no curso anterior) se implicarán nalgún dos 41 programas diferentes que compoñen esta iniciativa. En total participan no Proxecta 428 centros de ensino, que desenvolverán 791 proxectos distintos coa colaboración de máis de 5.300 docentes.

Por provincias, 150 centros de ensino coruñeses desenvolverán 275 proxectos, e 65 centros lucenses realizarán 133. En Ourense o número de centros participantes é de 58, que desenvolverán 110 proxectos; mentres que en Pontevedra están implicados 155 centros, cun total de 273 iniciativas. A relación de colexios que desenvolven cada programa pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161228/AnuncioG0164-201216-0005_gl.html .

Por número de centros participantes, os programas máis exitosos son ‘PDC (proxecto deportivo de centro)’, con 185 centros participantes; ‘Aliméntate ben’, con 80; ‘Aulas I+I: Inclusivas e Igualitarias’, con 45 centros implicados; e as iniciativas ‘MeteoEscolas’ e ‘Proxecto Terra’, con 40 cada unha delas. Pode obterse información sobre os 41 programas no portal educativo, no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta

Contenido patrocinado

stats